Estás aquí:

Código: 1297

Grial 194

12,00  IVE INCLUIDO
Novas olladas sobre Rosalía de Castro
Potenciar de maneira xenérica a sempre precisa renovación dos estudos rosalianos é un dos obxectivos da sección monográfica de GRIAL 194, dedicada a Rosalía de Castro cando están a piques de cumprise os 150 anos da publicación de Cantares gallegos (1863). En palabras das súas coordinadoras (María do Cebreiro Rábade e Dolores Vilavedra): "Os avances futuros nos estudos rosalianos, aos que este monográfico quere modestamente contribuír, deben producirse, en primeiro lugar, afondando na súa internacionalización, condición que, por outra banda, é intrínseca á propia historia do rosalianismo e os seus fitos, como o Congreso Internacional de 1985 organizado polo Consello da Cultura Galega (cuxas Actas, publicadas en 1986, marcarían un verdadeiro punto de inflexión na articulación crítica dos estudos rosalianísticos), ou as constantes traducións de Rosalía a diversas linguas (dende o inglés ao xaponés). Os artigos que se reúnen aquí queren ser fieis a esa condición, tanto polos temas abordados como polo ámbito de traballo das persoas que os asinan".

O interese que a persoa e a obra de Rosalía suscitaron nos países anglofalantes, e nomeadamente na antropóloga e feminista inglesa Annette Meakin, centra o artigo de Catherine Davies, directora da Escola de Culturas, Linguas e Estudos Rexionais da Universidade de Nottingham. María López Sández, doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, trata sobre os efectos da representación da aculturación en dous personaxes, dous emigrantes retornados, do relato de Rosalía de Castro "El Cadiceño". A relación entre muller e literatura nos séculos XVIII e XIX e os paralelismos entre a obra de Rosalía e as bluestocking, as azuis, é o tema tratado no artigo "¿Serían as súas verbas ou as súas vestimentas? Literatas de ambas as dúas orelas do Atlántico", de Kathleen March, catedrática da Universidade de Maine. Por último, a profesora Montserrat Ribao Pereira, da Universidade de Vigo, afirma no seu artigo, que a biblioteca da que Rosalía deixa constancia en La hija del mar "subliña a asimilación dos modelos estéticos previos e a concepción da república literaria do dezanove, na que asenta para dar arranque a unha carreira literaria xenial".

Non podía este número deixar de facer referencia ao falecemento de Xaime Isla. Víctor F. Freixanes, na "Carta do editor", fai un sintético percorrido pola intensa e vizosa biografía de Xaime Isla Couto, salientando algunha das iniciativas nas que tivo un determinante papel: a editorial SEPT (editora da Biblia), a Revista de Economía de Galicia, que fundou e dirixiu, os primeiros discos de música popular en lingua galega, ou a colección Illa Nova, son algúns dos fitos que amosaron máis claramente a súa xenerosidade, intelixencia e infatigable labor.

Este número de GRIAL inclúe unha entrevista con Tom McCarthy. O escritor británico, de quen Galaxia publicou recentemente a súa novela C, conversa con Manuel Xestoso sobre os temas das súas obras, dende o herdo do modernismo ata as novas tecnoloxías do século XXI. Noutras seccións trátanse variados temas. En ‘Temas do noso tempo’, Benxamin Casal, presidente do Consello de Administración de Galaxia, escribe un "Achegamento económico ao sector produtor do leite"; en ‘O espello das letras’, ademais das habituais recensións de libros, Ramón Villares, en "Un libro singular e pioneiro", reflxiona sobre o Galicia como tarea, de Valentín Paz-Andrade, e Xosé Manuel Dasilva trata do "Compromiso lingüístico e autotradución en Álvaro Cunqueiro". A sección ‘Historia e memoria’ achega dous artigos de historia científica: "A continuidade científica de Osorio-Tafall no seu exilio de México", de Xosé Francisco Pardo Teijeiro, e "De aveas e castiñeiros. O paso de N. I. Vavilov por Galicia (xullo de 1927), de Xoán F. Fernández López.

"Pacheco, ausencia e fóra de campo" (Pilar Fernández Abades e Pablo Prado Fernández), "Contexto e dinámica cultural en Galicia" (Marcos Lorenzo) e as seccións ‘Creación’ (Xosé María Álvarez Cáccamo e Mario Regueira) e ‘’O rego da cultura’ completan esta nova entrega da revista GRIAL.

Comparte nas túas redes sociais ou por email

Detalles do libro

Páxinas: 144
Deseño: Rústica
Data Publicación:
Dimensións 185 x 270 mm. mm.
Colección: Grial
Nº na colección:
Edición: 1ª
Editorial: Galaxia
ISBN:
Observacións:

Eventos relacionados con este libro

AUTORES/AS

VV.AA.

As súas obras

Grial 203
Grial 203
12.00€ CON IVE