Estás aquí:

Código: 1283

Grial 180

12,00  IVE INCLUIDO
1933. Primeiros anos da radio en Galicia

Cumpríronse neste mes de xaneiro 76 anos da creación da primeira emisora de radiodifusión en Galicia: Unión Radio Galicia, ubicada en Santiago de Compostela (EAJ-4). A revista GRIAL súmase ás conmemoracións con catro ensaios nos que se recrea a presenza do novo medio na realidade galega do século XX. Era o principio dunha nova modernidade.
Xosé Soengas, Arturo Maneiro, Mónica Rebolo e Víctor F. Freixanes, profesores e especialistas en comunicación, abordan dende distintos ángulos aquela experiencia primeira, vencellada á realidade republicana na Galicia de 1933-1936.

O profesor Soengas deseña unha primeira panorámica do que significa a radiodifusión ao longo do século XX; Mónica Rebolo fala da radio exterior, con especial atención ás emisións radiofónicas nas comunidades galegas de América (as primeiras emisións son de 1932), mentres que Arturo Maneiro e Víctor F. Freixanes centran os seus traballos na experiencia concreta de Unión Radio Galicia, a emisora compostelana.

Unión Radio Galicia iniciou as súas emisións en xaneiro de 1933 vencellada ás iniciativas a prol do Estatuto Estatuto de Autonomía da Segunda República, cuxo primeiro borrador viña de aprobarse na Asemblea de Municipios, reunida en Santiago en decembro do ano anterior. Daquela xa houbera unha emisión radial, a través da Compañía Telefónica, para informar ás comunidades de Montevideo e Buenos Aires da nova. Nos meses seguintes foron aparecendo emisoras en Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo e Coruña. Era a primeira estrutura da radiofisufión antes de 1936, que hoxe forman parte da Onda Media da Cadena SER.

GRIAL aborda o fenómeno da radiodifusión coma unha achega máis ao que significou (e significa) a tecnoloxía da comunicación para a cultura e o desenvolvento social e político dunha comunidade. En próximos números, progresivamente iranse tratando outros aspectos deste fenómeno, que cómpre enxergar dentro dos profundos cambios que se produciron no século XX nas tecnoloxías da comunicación, e que se seguen a producir no século XXI.

A maiores, Henrique Monteagudo conversa con Víctor Fuentes catedrático emérito de literatura na Universidade de California-Santa Bárbara, ensaísta, memorialista, autor de importantes traballos sobre Buñuel e estudoso da literatura española no exilio, tamén da literatura galega. Na conversa, o noso co-director e o intelectual exiliado, repasan diversas cuestións: dende a memoria do exilio e a lembranza de intelectuais galegos á significación das letras hispanas no mundo contemporáneo, a guerra civil, o teatro, o cine...

Completa este número de GRIAL unha serie de ensaios. Andrés Torres Queiruga aborda dende a teoloxía "O novo concepto de revelación e o (posible) diálogo co Islam"; Xulio Prada Rodríguez volve á memoria da guerra en "Nacionalismo e represión franquista", Victorino Pérez Prieto fala de "Otero Pedrayo, Risco e Prisciliano", e Ivo Castro, catedrático da Facultade de Letras da Universidade de Lisboa, escribe sobre "Galiza no espaço cultural e simbólico da Lusofonía". Este ensaio está escrito en portugués. Unha nota da dirección advirte que "GRIAL recupera unha vella tradición: publicar en lingua portuguesa aqueles textos que cheguen ou sexan demandados neste idioma, lingua que nos relaciona co ámbito luso-afro-brasileiro".

Comparte nas túas redes sociais ou por email

Detalles do libro

Páxinas: 140
Deseño: Rústica
Data Publicación:
Dimensións 18,5 x 27 cm mm.
Colección: Grial
Nº na colección:
Edición: 1ª
Editorial: Galaxia
ISBN:
Observacións:

AUTORES/AS

VV.AA.

As súas obras

Grial 181
grial181
12.00€ CON IVE