O Sistema Universitario Galego (SUG) experimentou importantes modificacións. Durante séculos Compostela foi a única referencia. A segregación das Universidades de A Coruña e Vigo, a partir de 1989, abriu un novo horizonte aos estudios de ciclo superior en Galicia, ampliou o número de alumnos matriculados (case cen mil na actualidade) e impulsou novas titulacións. E tamén xurdiron novos problemas, novos desafíos.
A formación do capital humano constitúe uns dos factores básicos para o progreso das sociedades, moito máis neste tempo da chamada Sociedade da Información e do Coñecemento. A revista GRIAL propón unha reflexión sobre esta realidade a partir dun novo referente: a constitución dun espazo común europeo para o ensino superior, que se formalizou na chamada Declaración de Boloña no ano 1999 e quere facerse realidade na primeira década do presente século. ¿Cal ha ser o noso papel neste novo contorno de relación, coñecemento e intercambio?
Ramón Villares e Domingo Docampo, membros do consello de redacción de GRIAL, coordinaron este número, que preende ser unha primeira achega a un debate necesario: a Universidade do inmediato futuro, que xa está aquí. Con eles colaboran Lourenzo Fernández Prieto, Manuel Sánchez Salorio e Aníbal Figueiras.
Duas conversas, unha con Ignacio Ramonet, recibido como doutor honoris causa na Universidade de Santiago o pasado mes de xuño, e Anxo A. Rei Ballesteros, premio ensaio Ramón Piñeiro na súa segunda edición, complementan este número, no que se inclúen as tradicionais seccións de creación (Rosa Aneiros e Xurxo Alonso), Espello das letras, Carta de Bruxelas(Xavier Queipo), Artes e Ciencias Da Representación, Arquitectura e Artes Plásticas, diencia e Tecnoloxía, etc.
No Rego da Cultura unha lembranza especial para Domingo García-Sabell, presidente de Consello de Administación de Galaxia, membro sobranceiro do grupo de fundadores e presidente da Real Academia Galega.