Un ano máis, un equipo de estudosos da nosa literatura, dirixido por Dolores Vilavedra, nos ofrece un completo análise do estado da cuestión.
Nesta nova xeira o Anuario Grial de Estudos Literarios Galegos ofrece unha síntese valorativa da produción literaria galega do ano 2006 por medio das habituais seccións panorámicas centradas non só na poesía, narrativa, teatro e ensaio senón tamén nos estudos medievais, na tradución e na literatura infantil e xuvenil. Esta dimensión máis informativa complétase coa habitual selección de reseñas críticas dunha serie de libros que o consello de redacción da revista considera, por diversas razóns, especialmente salientables.
A parte analítica do Anuario achégase nesta ocasión a diversos autores e autoras do século XX, algúns mesmo de rechamante actualidade como Manuel Rivas ou Teresa Moure. Así, Jorge Vaz analiza dende unha perspectiva psicoanalítica a figura do dobre na narrativa de Rivas mentres que Helena Miguélez tenta ubicar a escrita de Moure no contexto da narrativa feminina contemporánea; ademais, e na liña da revista de prestar especial atención aos xéneros tradicionalmente relegados a un segundo plano, incluímos un artigo de Ánxela Gracián que describe as características semántico-formais de Gloria Sánchez, reputada autora de literatura infantil e xuvenil. Indo un chisco cara atrás na historia da literatura galega ofrécense achegas a Cunqueiro, autor de presenza recorrente no Anuario e que desta volta é obxecto dunha interpretación psicoanalítica por parte de Manuel Forcadela, e a María Mariño, máis en concreto ás súas traducións ao inglés que son debulladas por Kathleen March. Xa de tipo máis panorámico, os artigos de Mª Xesús Lama sobre a guerra civil na obra dos escritores galegos no exilio, de María López Sandez sobre a codificación dun imaxinario paisaxístico e do espazo urbano na literatura galega e, nunha liña semellante, outro de María do Cebreiro Rábade que analiza a función da cidade de Santiago na poesía galega contemporánea dende o punto de vista dos procesos de construción identitaria.