Unha fermosa novela de amor que figura entre os libros máis lidos e admirados pola mocidade galega
O protagonista principal de Anagnórise é Nicolau Arís, un rapaz con problemas que un día decide deixar os estudios no Instituto e marcha a Madrid co propósito de encontrar a uns amigos que se dedican a negocios relacionados co tráfico da droga. A viaxe en autostop faina cunha muller intelixente, de nome celosamente oculto, que o recolle na estrada, e coa cal fala durante as horas que pasan xuntos dentro do coche. Os diálogos, sempre áxiles e ocurrentes, pero tamén naturais, van revelando a rica personalidade de ambos. Xa no destino, Nicolau e a súa amiga ocasional sepáranse sen que o rapaz saiba o nome dela. Ó remate, despois de que Nicolau entre en contacto cos compañeiros que o agardan en Madrid, irá buscar a súa amiga. Só entón saberá o seu nome.

María Victoria Moreno Márquez (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005), licenciada en Filoloxía Románica pola universidade de Madrid, en 1963 conseguiu unha praza de profesora nun instituto de Pontevedra, establecéndose en Galicia. A súa identificación co noso país foi tan intensa que de seguida aprendeu o galego e o convertiu na súa lingua. Desde entón, toda a súa obra literaria está escrita en galego. Unha parte dela son contos e novelas dedicadas ao público infantil e xuvenil, como Leonardo e os fontaneiros, Mar adiante, O cataventos e Festa no faiado. A súa novela Anagnórise, xa traducida ao castelán, obtivo un grande éxito entre os lectores, e figura na lista de honra do IBBY de 1990. Con Guedellas de seda e liño recibiu unha mención especial White Ravens 2002. Colaborou na redacción de libros de texto e dirixiu a colección Árbore da Editorial Galaxia dende 1988, ano da súa creación.