A arte, a adolescencia, o amor, A Habana.
A máscara de palma é o exótico obxecto que dá título a esta novela e que actúa como símbolo da peripecia vital que a protagonista, unha rapaza chamada Amalia, vive na Habana ao coñecer a un excéntrico artista cubano. Pezas clave desta novela non só para adolescentes son a arte, un misterio, a incerteza, se cadra amor… Nela, a cidade da Habana, coa súa mestura de maxestade e podremia, convértese nunha metáfora da complexidade do mundo e as motivacións humanas.
Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1952) é unha das escritoras máis recoñecidas, traducidas e premiadas no ámbito da literatura infantil e xuvenil galega. Deuse a coñecer con Mutacións xenéticas (1991), novela á que seguirían, entre outros títulos, Dúas bágoas por máquina (1992, premio Merlín), Chamizo (1994), ¡Asústate, Merche! (1995), O misterio dos fillos de Lúa (1995, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil), O estanque dos parrulos pobres (1996, premio Edebé), ¡Prohibido casar, papá! (1996), ¿Sobrevives? (1996), ¡Puag, que noxo! (1997), O misterio do cemiterio vello (1999), Bicos de prata (2000) e A máscara de palma (2000).
A narrativa de Casalderrey distínguese pola súa agudeza na observación e recreación do mundo dos adolescentes, polo realismo dos seus personaxes e situacións e por un ritmo capaz de converter calquera asunto cotián nun relato de suspense.
En 2013 foi nomeada académica de número da RAG e recoñecida pola Asociación Galega de Editores como Autora do Ano 2012, así como por Gálix como Socia de Honra.
En 2015 recibiu o Premio da Cultura Galega na modalidade de Letras.