Estás aquí:

Código: 1332

Grial 230

13,00  IVE INCLUIDO
Emilia Pardo Bazán e a deconstrución das categorías de xénero
1921 é o ano do primeiro centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, unha ocasión perfecta para volver sobre a obra dunha autora que nunca foi esquecida, ais sobre a que pesaban —e pesan— certos lastres derivados de circunstancias van máis aló dos seus méritos artísticos: muller nunha historia literaria patriarcal; escritora galega que emprega o castelán (algo que, pola contra, non foi obstáculo para a difusión de obras de autoría masculina, nin das figuras dos seus autores); personali- dade complexa, afouta e pouco compracente, que espertou asemade admiración e animadversión. Cen anos despois, a nosa ollada retrospectiva está, sen dúbida, marcada polo des envolvemento da “lente violeta” e pola superación dos formalismos, substituídos por enfoques sociolóxicos do literario que acollen unha nova dimensión dos discursos e recoñecen de cheo a implicación da creación cultural nas dinámicas ideolóxicas e de poder. Non é, daquela, de estrañar que a perspectiva feminista teña un papel clave nesta nova ollada sobre Pardo Bazán, auspiciada pola súa efeméride. A coincidencia deste segundo centenario co debate social sobre o destino do pazo de Meirás e o significado simbólico que como colectividade queremos inscribir neste monumento histórico contribuíu, por outra banda, á exacerbación ideolóxica da revisión e relectura da súa obra. O monográfico que aquí presentamos é representativo destes posicionamentos. Alén dos aspectos formais e estilísticos, a nosa ollada céntrase, agora, na deconstrución que sobre as categorías de xénero levou a cabo a autora e presenta tamén outros trazos que constitúen unha tendencia nos estudos actuais sobre Pardo Bazán ao pór o foco en aspectos da súa produción tradicionalmente menos atendidos (nomeadamente os contos ou obras como La sirena negra) e ampliando a perspectiva desde as máis canónicas novelas dos Pazos. Marilar Aleixandre parte da análise dun feixe das súas narracións breves, unidas polo motivo do aleitamento e a perda, ilustrando, así, a plasmación que Pardo Bazán fixo das experiencias máis físicas das mulleres; mais afondando, tamén, na escisión patriarcal entre maternidade e sexualidade e no entrecruzamento entre xénero e clase social, ao configurar o patriarcado a muller do pobo como nutricia e a de clase alta como mero adobío, impoñendo e proscribindo o aleitamento respectivamente. Se á Nucha de Los pazos de Ulloa se lle impide aleitar, á Maripepa de “La advertencia” impónselle a condición de ama de leite, forzando a separación do seu propio fillo. Do artigo despréndese unha liña de forza centrada en desafiar o tópico existente sobre a visión que Pardo Bazán tiña da muller rural galega, na liña que xa abrira Araceli Herrero Figueroa. Este texto achéganos a unha das máis punxentes e inquietantes narracións breves de Pardo Bazán, “La Corpana”, protagonizada por unha muller que vende o seu corpo para que mallen nela, un ser miserento e degradado que semella reunir na súa existencia, simbolicamente, todas as violencias e exclusións das que as mulleres foron vítimas e coa que, máis aló do xuízo despectivo das outras personaxes, que ironizan sobre a súa dor ao desprenderse da filla, a voz narradora empatiza, afirmando a verdade das súas bágoas, feitas de “sangue e auga”. Eva Acosta retoma este fío explorando a figura de mulleres en conflito en oito contos de Pardo Bazán, transitando entre tempos de escrita e comprobando como os motivos narrativos que se repiten non sempre teñen a mesma resolución, pero sempre se volve sobre a violencia de xénero e se plasman estruturas sociais caracterizadas pola inxustiza e a insensibilidade, ao tempo que as mulleres se configuran xa como suxeitos capaces de albiscaren outra existencia para si mesmas, unha cuestión sen dúbida interesante porque, fronte aos finais maioritariamente desgraciados, algunhas son xa donas do seu destino. Mais non podía faltar neste monográfico o reverso desta deconstrución do feminino. Álex Alonso Nogueira explora a produción da autora, coa idea de achegarnos ao tratamento que Emilia Pardo Bazán lle dá á construción da masculinidade, chegando á conclusión de que esta reescribe, desde a perspectiva dunha muller, “a ficción hexemonicamente masculina”. E non só iso; é xustamente esta marca de xénero a que define a súa escrita e a que a singulariza no conxunto dos novelistas da súa época. Hai nela unha disociación entre identidade de xénero e representación que provoca o que se podería definir como “escrita en quiasmo”. Poñendo o foco especificamente sobre a construción da masculinidade, toma como figura de referencia esencial o personaxe de Gaspar de Montenegro, de La sirena negra, afonda neste mesmo motivo noutros textos, particularmente en “De un nido” e “John”, e traza conexións con outros personaxes da ficción da autora como Mauro Pareja, de Memorias de un solterón. A través da reconfiguración dos personaxes masculinos desde unha ollada feminista apúntase a unha operación de fondo calado que pretende nada menos que “desfacer o xénero”, dando forma á complexa subxectividade da modernidade. Desde este número de GRIAL, queremos contribuír á ollada calidoscópica á que segue convidando, cen anos máis tarde, a figura vizosa e estimulante de Pardo Bazán, sobre a que, non nos cabe dúbida, as interpretacións e os sentidos seguen a estar inesgotados, como ocorre coas grandes producións nas que á calidade formal ou estilística se sobrepón a aguda intuición das tensións sociais, psicolóxicas e humanas, esas que nos envolven e conforman. María López Sández        

Comparte nas túas redes sociais ou por email

Detalles do libro

Páxinas: 172
Deseño: Rústica
Data Publicación:
Dimensións 185 x 270 mm.
Colección: Grial
Nº na colección: 230
Edición: 1ªª
Editorial: Galaxia
ISBN:
Observacións:

AUTORES/AS

VV.AA.

As súas obras

Grial 193
193
12.00€ CON IVE