Estás aquí:

Código: 1306

Grial 203

12,00  IVE INCLUIDO
Ulises, Joyce e Galicia
GRIAL dedica o numero 203 ao que consideramos un acontecemento histórico na edición galega: a publicación da tradución á nosa lingua dunha das novelas máis significativas da literatura contemporánea, referencia obrigada da narrativa do século XX: a obra de James Joyce, Ulises, que vén de merecer o Premio Nacional á mellor Tradución do ministerio de Educación, Cultura e Deporte do goberno de España, competindo coas obras traducidas a calquera lingua do Estado no ano 2013.
Durande case doce anos, un equipo altamente cualificado, constituido por Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle, traballaron nesta versión galega do Ulises, proxecto que vén poñer o ramo a aquel soño primeiro da xeración Nós, cando Ramón Otero Pedrayo, animado por Vicente Risco, puxo en lingua galega (1926) unha primeira escolma de textos da obra do escritor irlandés, nunha aposta pola modernidade da lingua nosa que se anticipaba a outras iniciativas en calquera outro idioma peninsular. Noventa anos despois culminamos aquel esforzo, nun novo contexto histórico. J.Miguel Alonso-Giráldez, Antonio R. de Toro e César Domínguez, valoran e contextualizan os resultados nas páxinas da revista dende a perspectiva académica. O equipo de tradutores dan conta do traballo destes doce anos, que tivo momentos de abalo e momentos de debalo, e a escritora Marilar Aleixandre achega a súa reflexión dende a creación, a voz das novas xeracións fronte a unha obra tan significativa.
O esforzo non só mereceu o Premio Nacional que reseñamos, senón os máis representativos galardóns da edición en lingua galega: Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro traducido no ano 2013, Premio da Asociación Galega de Editores á mellor tradución ese ano, Premio Irmandade do Libro e Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Tal é o motivo que inspira este número da revista GRIAL.
A xeito de complemento incorporamos, asemade, outra conmemoración. O 11 de novembro de 2014 cumpríronse 50 anos do falecemento dunha das figuras máis sobranceiras e, paradoxalmente, menos coñecida da cultura galega do pasado século: o arquitecto galeguista Manuel Gómez Román (Vigo, 1876-1964). Francisco Dominguez e José Ramón Iglesias Veiga abordan dúas facianas da súa personalidade: a súa dimensión como militante e persoa comprometida co galeguismo (politico e cultural) e a súa dimensión como arquitecto, autor dalgunhas das obras máis significativas das primeiras décadas do devandito século, sobre todo na cidade de Vigo, onde desenvolveu a súa actividade e viviu prácticamente toda a súa vida. Unha oportunidade para coñecer e valorar a súa obra.
As cuestións máis candentes da vida social e política da realidade galega e española non están fóra do círculo de interese dunha revista de cultura. Jordi Muñoz, doutor en Ciencia Políticas pola Universidade Pompeu Fabra de Cataluña, publica "O nacionlismo español en tempos da gran recesión", ensaio sobre a situación actual da política en España, coa cuestión catalana de fondo e a posibilidade de novos cambios diante dunha nova etapa constitucional, mesmo no marco da situación actual na Unión Europea. Fernando Jimenez, profesor de Ciencia política na Universidade de Murcia, aborda unha cuestión tamén moi próxima: "O círculo vicioso da corrupción en Galicia".
As seccións habituais da revista: Rego da Cultura (cunha referencia á presentación do proxecto Mar Maior en Bruxelas e Madrid), Espello das Letras, Creación e Comunicación e Sociedade completan o presente número, no que incluimos a segunda entrega do traballo de Henrique Monteagudo sobre a etapa de Castelao en Nova York, 1938-1940, cuxa primeira parte publicamos no número 202 de GRIAL (Tempo de derrotas): a resistencia cultural e política no exilio.

Comparte nas túas redes sociais ou por email

Detalles do libro

Páxinas: 144
Deseño: Rústica
Data Publicación:
Dimensións 185 x 270 mm.
Colección: Grial
Nº na colección:
Edición: 1ª
Editorial: Galaxia
ISBN:
Observacións:

AUTORES/AS

VV.AA.

As súas obras

Grial 181
grial181
12.00€ CON IVE