A novela “Eternity”, de Xosé Monteagudo é a gañadora do XV Premio Repsol

Categoría: Nova

 A obra Eternity de Xosé Monteagudo resultou gañadora da XV edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou esta mañá o voceiro xurado, Xavier Senín, na sede da Real Academia Galega na Coruña 
O acto do ditame contou coa presenza de representantes das entidades participantes do premio, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, o presidente da Real Academia Galega, Victor F. Freixanes, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o presidente da Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez. 
 O xurado da XV edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas, como son, a escritora, socióloga e filóloga, Estíbaliz Espinosa; Carlos Lema, director de Edicións da Editorial Galaxia; a escritora, ensaísta e investigadora, María López Sández; o tradutor e académico Xavier Senín; e Dolores Vilavedra, profesora da literatura galega na USC, crítica literaria, tradutora e autora. 
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o galardón está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia. O acto de entrega do Premio terá lugar antes de final de ano na cidade da Coruña. 
Eternity: unha novela que nos invita a reflexionar sobre o futuro da sociedade 
Na súa XV edición o Premio Narrativa Breve Repsol contou cunha participación de 36 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120. 
Xavier Senín, voceiro do xurado desta edición, trasladou no acto que “Eternity consegue artellar unha trama na que funden a precariedade laboral, o mundo dixital e a construción da memoria. Sitúanos ante unha serie de desafíos que enfrontamos de cote, en ocasións sen decatarnos: como están a mudar as nosas vidas, ata que punto as convertemos en ficción, como se constrúe a historia persoal, como enfrontamos a morte”. 
Ademais, o xurado salienta que, sendo unha novela moi actual na súa relación coas redes sociais, amosa que a natureza do ser humano ten un fondo de preocupacións transcendentes que permanecen: “As historias de vida enfíanse construíndo unha estrutura narrativa complexa, adquirindo un atractivo e engado de seu, pero integrándose na globalidade dunha novela que nos invita a reflexionar sobre o futuro dunha sociedade que aspira á permanencia concibíndose coma un inmenso arquivo dixital”. 
O gañador 
Xosé Monteagudo Folgar (Moraña-Pontevedra,1965) é licenciado en Dereito pola USC e comezou a súa traxectoria literaria ao obter o accésit no premio Modesto R. Figueiredo do ano 2001 co relato O engado do triángulo. A súa primeira novela, As voces da noticia, resultou gañadora do Premio Blanco Amor no ano 2002. 
En 2006 publica a súa segunda novela, titulada Esta historia, na que reconstrúe unha biografía xuvenil a partir das lembranzas universitarias. 
En 2009 recibiu o Premio García Barros pola novela Un tipo listo e finalista do galardón Frei Martín Sarmiento, que foi traducida ao castelán posteriormente en 2016. En 2012 publicou a novela O curioso mundo as persoas normais que foi traducida tamén ao castelán. 
No 2017 obtivo o Premio á mellor obra narrativa da II Gala do Libro Galego e o Premio San Clemente Rosalía-Abanca, por Todo canto fomos. 
Algúns dos seus relatos foron publicados en diferentes revistas e xornais ou en libros colectivos. Monteagudo ademais da súa labor como novelista, tamén imparte cursos sobre narrativa. 
O Premio Narrativa Breve Repsol: XV edicións impulsando a creación en galego 
O Premio Narrativa Breve foi creado no ano 2006 pola Refinería de Repsol na Coruña e vertebrado de forma conxunta coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, co obxectivo de fomentar a cultura e a lingua galega. No 2010, Fundación Repsol toma a substitución no impulso do certame, que, desde o seu inicio, conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega, así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia, que editou as anteriores obras gañadoras. 
O certame contou desde o seu nacemento coa participación de máis de 450 obras orixinais de escritores galegos. 

Comparte nas túas redes sociais ou por email