Ledicia Costas

Categoría: Recensión

A princesiña que conducía unha locomotora é unha novela divertida e entrañable. Pero, sobre todo, é unha novela con carácter.
Marusela, o personaxe principal desta historia, é moi especial. As nenas ás que educan para ser princesas rara vez teñen outra aspiración na vida máis ca esa. Como moito, a de chegar a raíña. Pero ningunha outra cousa máis alá deste rol. Imaxinade por un momento a unha princesa que quere ser maquinista, encher a máquina de carbón, acelerar ata facer chiar as rodas sobre os raís, tocar o chifre e levar unha gorra de plato. Unha princesa que mete todas as súas xoias nun baúl (diamantes, brillantes, amatistas, antracitas…), que muda os vestidos de raso por un traxe de algodón azul con botóns de lata dourada. E ide aínda máis alá. Imaxinade que a princesa o consegue, que monta nese tren e deixa voar os seus cabelos á velocidade das faíscas que solta a máquina ao tocar ferro contra ferro. Todo isto é posible porque Marusela é unha princesa diferente a todas as princesas que adoitamos atopar nos contos tradicionais. Porque decide rebelarse contra o sistema e contra todo aquilo que lle ven imposto. Porque é unha rapaza intelixente que vai atrás dun soño, atrás da única cousa que sabe que vai facer feliz. E é realmente fermoso facer chegar esta mensaxe aos cativos: ide atrás dos vosos soños, correde a perseguir a vosa felicidade!

Comparte nas túas redes sociais ou por email