Galaxia: 60 anos de historia e de futuro

Categoría: Nova

No ano 1950 nacía a Editorial Galaxia. Por enriba de calquera outra consideración, o acto da súa fundación foi un xesto de amor. A un país, a unha idea de sociedade, a un proxecto de resistencia e de proxección cara o futuro.
Seis décadas despois, nós, herdeiros dese pulo iniciado por Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, ambos os dous moi en especial, pero tamén de Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro e tantos outros que estiveron dende o comezo e seguiron traballando despois, só podemos dar mostras de, por unha banda, profundo agradecemento e, por outra, prometer que seguiremos andando o mesmo camiño que eles nos mostraron.
A Editorial Galaxia chega aos 60 anos de vida mergullada en proxectos indubidables de asalto á modernidade, un proxecto de futuro que é idéntico ao que no ano 50 movía aos fundadores a botar a andar esta fermosa aventura editorial: a defensa do galeguismo e da sociedade civil galega dende a cultura e a lingua propia. Ese camiño que vai dos baixos do Hotel Compostela á Rede Global na que estamos tan presentes, vén alicerzado dende o comezo polo exemplo deses homes e mulleres que, tantísimos anos despois, seguen a erguerse cada mañá sabendo que este país é un lugar grande no mundo que merece deixar oír a súa voz en pé de igualdade cos demais.
Sesenta anos despois seguimos aquí. Estamos. Estaremos. Felices de termos tantos e tan bos compañeiras e compañeiros de viaxe.

Comparte nas túas redes sociais ou por email