Francisco Castro

Categoría: Recensión

Territorio da desaparición de Fernán Vello.

Unha invitación á resistencia.

O territorio é o da desaparición, que pode con todo e é o todo. Pero este libro de Miguel Anxo Fernán Vello, sobre todo é o da aparición.

Se a poesía ten que mostrar, máis que dicir, nesta obra o autor de Cospeito mostra, e demostra, o que é a aparición da voz do poeta e a súa visión poderosa do mundo. Como lector, síntome interpelado, acusado, sinalado co dedo e obrigado polo autor a entrar no seu discurso de intelixencia e de beleza. Neste libro atopo as palabras que din o que eu quizais nunca serei capaz de dicir mais sinto no máis profundo como o individuo ateigado de imaxes confusas e de mensaxes contradictorias que son, que es ti, que somos todos. O autor axúdame a entender as fronteiras desta realidade que me pode. Que, como lector, me arrastra cara á nada.

En aparencia, este Territorio da desaparición puidera semellar unha invitación á escuridade e ao abismo. Non o é. Coñecemos a Miguel Anxo Fernán Vello. Ao poeta e ao autor. E sabemos que non o é. Que o que procura o poeta, precisamente, é a luz, a claridade que só os poetas son quen de darnos, en especial, reitero e redundo, hoxe en día, nestes tempos bárbaros, feos, fedorentos, arrepiantes. O libro axuda a descubrir o inmediato, o que está aí, esas linguas de vento, como di nun dos seus máis logrados poemas, "que de repente existen / e demoran en nós, poro de luz mordida".

O poemario de Fernán Vello é tamén unha invitación á resistencia. Hai non pouco de (case) poesía civil, cotiá, da nudez máis próxima da vida. Son, daquela, poemas de compromiso sutil, de rebeldía intuída e, xa que logo, máis poderosa. O lector atopará o nome claro da dignidade nestas letras. A dignidade e o esforzo por atopar a liberdade que merecemos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email