Dous anos sen Xosé Neira Vilas

Categoría: Nova

Fanse hoxe dous anos do pasamento de Xosé Neira Vilas, autor fundamental da narrativaa galega da segunda metade do século XX, e sen dúbida un dos autores máis sobranceiros do noso país. Cunha vida e unha obra marcadas pola emigración, que el viviu en primeira persoa en Arxentina e Cuba, Neira Vilas foi un destacado representante da cultura galega no exilio nos anos máis difíciles, e un importante activista a prol da cultura do noso país en Cuba e na totalidade de América Latina.
Autor do libro máis popular da historia da literatura galega, Memorias dun neno labrego está considerado fundacional da nosa literatura infantil e xuvenil e foi traducido a ducias de idiomas en todo o mundo. En Galaxia, a meirande parte da súa obra narrativa está recollida na Biblioteca Neira Vilas, á que habería que sumarlle poemarios, ensaios e varios volumes biograficos. Unha obra amplísima que lle valeu a Neira Vilas e á súa mestría narrativa o recoñecemento da sociedade galega. Ao longo da súa vida recibiu numerosos galardóns, como por exemplo a Medalla Castelao en 1988. Nos Premios da Edición que concede a AGE recibiu o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano 2010. En 2014, recibiu, na modalidade de Letras, o Premio da Cultura Galega que concede a Xunta de Galicia e en 2015, a Medalla de Ouro de Galicia.
Hoxe lembrámolo unha vez máis, coma todos os anos, como a el lle tería gustado: lendo e escribindo en galego!
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email