Anxos Sumai

Categoría: Recensión

A nosa historia

Charli Gómez ó principio só é un oco, un perfil, un personaxe que asoma detrás da fotografía que hai anos, na época de estudante, tirou dun vello mendigo nas rúas de Compostela.

Aí comeza Esta historia: unha foto no escaparate dunha librería, e quen a ve non pode evitar preguntarse que sería de Charli despois de tanto tempo. A foto é coma o cabo dun fío do que o autor comeza a tirar para tecer, nun bordado feito de conversas e lembranzas, o corpo e a vida do protagonista. Turrando do fío, o autor consegue que Fernando e Troitiño, os personaxes que compartiron con Charli os anos universitarios en Compostela, esmiucen durante dun xantar as experiencias, dintintas pero complementarias, compartidas co protagonista ausente. Si, vivencias distintas, afectos distantes que, como fotografías tiradas dende distintos ángulos, enchen, por fin, o oco que ó principio da novela é Charli. A historia está contada, porque a historia, en palabras do autor, non é máis que o retrato do personaxe que a protagoniza.

O fío que nos achega á vida de Charli Gómez tamén se ensarilla en nós, arrástranos ata o escenario –Compostela- e a unha forma de vida que varias xeracións de estudantes podemos recoñecer como propia. Posuídos pola nostalxia chegamos a pensar que nós mesmos, lectores, puidemos ser algún deses personaxes que van aparecendo na demorada conversa, ou parécenos recoñecer ó mesmo Charli como algún amigo co que compartimos viños no Franco, copas na zona nova, discusións sobre filosofía, sobre a loita de clases e a ditadura do proletariado, en noites posuídas polo alcol e os petas; en días ilusionados de militancia, rebelións e pulsións sexuais; en amenceres como cataclismos emocionais. Charli ben pode ser ese ghicho co que nos atopamos nos primeiros anos de carreira e que, por certas afinidades que nos resultaría difícil de explicar, ou admirados quizais pola súa lucidez, pola súa enerxía e pola capacidade de invertarse a si mesmo, nos engaiolou durante anos, amosándonos só o que a el lle parecía oportuno, inventando un personaxe detrás do que protexerse porque, nas súas palabras, "inventar unha historia é a mellor maneira de ocultar a verdade".

Os fíos dos que turran Fernando e Troitiño para encher o oco do protagonista ausente, tamén turran de nós ata un tempo adurmiñado xa no fondo da memoria. Se Charli é reconstruído, ocupado, se acada forma e consciencia a través das palabras de dous antigos amigos, tamén nós, dalgunha maneira, reconstruímos os nosos pasos polas aulas universitarias, pola cidade naqueles anos en que ningunha acción nos parecía irremediable, definitiva, cando o futuro era aínda un longo nobelo ó que non lle viamos o cabo. Cando o futuro era tan impredecible como un día calquera das nosas vidas de entón e, nós mesmos, eramos un oco a medio encher.

Comparte nas túas redes sociais ou por email