Tecnoloxía e docencia

Categoría: Opinión

Recortes en sanidade, no ensino, recortes e máis recortes. Falta diñeiro e hai que sacalo de onde sexa, aínda que todos saibamos que hai moitos sitios dos que podería saír con máis facilidade. Lía hai uns días que para o curso que ven a Consellería de Educación vai dotar aos centros con nove mil ordenadores máis, deses do Abalar, tan bonitos eles. Parece que a tecnoloxía é a resposta no ensino a todos os males, que con ela imos rematar definitivamente co tan temido fracaso escolar e todo vai ser unha marabilla. Pero eu penso que non é así, e iso non quere dicir que non me guste, que no centro no que traballo son coñecido como o “tecnoprofesor” polo moito que uso todos estes aparellos. O que ocorre é que non queremos darnos conta de que son un elemento máis, cando agora parece que son o único. Que tal e como está desenvolvido neste momento este programa os seus resultados, tendo en conta o que custa, non son proporcionados. Antes diso teríamos que pensar en formar máis e mellor ao profesorado, e non contar so coa súa boa vontade (que é moita). Pensar que ese diñeiro que se está a gastar estaría mellor investido noutras cousas máis necesarias e útiles. Preparar un material para usar na aula pode supoñer unha tarde, para unha actividade que logo os alumnos e alumnas van resolver en cinco minutos; paréceme algo desproporcionado.

É necesaria máis lectura, máis reflexión e máis razoamento, desenvolver máis o espírito crítico dos rapaces e rapazas, que aprendan a pensar e discernir o que lles parece ben ou mal, a tomar as súas decisións e formarse como persoas. Iso non se consegue poñéndolles un ordenador diante.

Comparte nas túas redes sociais ou por email