Soños de fútbol en Bangui

Categoría: Nova

Esta semana comezará a chegar ás librerías de Galicia, o libro de Ives Pinguilly, 'Soños de fútbol en Bangui' que a Editorial Galaxia publica en tradución de María González dende o francés, un libro sobre fútbol, sobre África e sobre o poder do deporte. Mais tamén un libro de denuncia sobre o estado da infancia no continente africano. Unha lectura axeitada a partir de dez anos.

A novela conta a historia de Zangba, que ten 15 anos. Vive en Bangui, na República Centroafricana.
Xa hai tempo que deixou a escola, e aínda máis que é orfo. Para el, o seu único osíxeno é o fútbol. Mesmo sen calzado, mesmo co estómago baleiro, no terreo de xogo, vibra.
Os espectadores tamén, polo moito que o seu talento supera o dos demias. Sería unha excelente nova fichaxe para a selección de xuvenís que ten que defender as cores do país. Pero como avantaxar os que teñen pais con moitos cartos e poder?.

Ives Pinguilly naceu en Brest (Francia) en 1944, aínda que se criou en Nantes.
Antes de dedicarse á escritura, realizou múltiples actividades, como as de bibliotecario, animador cultural, consultor de organizacións internacionais ou mariño, oficio este que o levou a percorrer todos os continentes.
Escribiu máis dun cento de libros de literatura infantil e xuvenil e algúns tamén para adultos, polos que recibiu múltiples premios, tanto novelas, como poesía e teatro, e moitos deles teñen como marco África, continente do que coñece profundamente tanto as alegrías como as penas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email