A revista CLIJ destaca 4 libros de Galaxia na súa Lista de Honra

Categoría: Nova

A prestixiosa revista CLIJ inclúe, na súa Lista de Honra, catro libros publicados pola Editorial Galaxia.
A Lista, elaborada a partir dos máis de 300 títulos que se comparten na revista durante todo o ano 2021, reflexa os mellores libros do ano.
Para lectoras e lectores de 8 a 10 anos, destacan A fuga de Guillermo, de Helena Villar Janeiro, ilustrado por Luz Beloso. A ilustradora dá forma e cor a Guillermo, que se transforma nun neno de carne e óso cando escapa dun libro e atopa a unha compañeira e amiga única.
Mar de mazá, Premio Follas Novas na categoría de Mellor Libro Infantil 2020. Obra seleccionada pola OEPLI no ano 2020, de Elvira Ribeiro, ilustrado por Begoña G. Arce, é unha simbiose perfecta entre palabra e ilustración.  A explosión de creatividade nos debuxos da ilustradora enche aínda máis de fantasía e expresividade o universo marino ao que nos remiten as poesías da autora.
Na categoría de 10 a 12 anos, recomendan a lectura de Non te amola!, de Xela Arias, adobiado coas fabulosas ilustracións de Luz Beloso.
Este libro inédito veu a luz no ano 2021 por primeira vez. Con motivo do homenaxe á autora no Día das Letras Galegas, a Editorial Galaxia publicou esta obra que amosa a faceta máis descoñecida de Xela, a de narradora. Trátase da única referencia narrativa da escritora luguesa, na que proxecta a súa infancia cara ao futuro.
A pintora libertaria, de Pepe Carballude, saliéntase como unha lectura recomendada para máis de 14 anos. Publicada na colección Costa Oeste de Editorial Galaxia, esta obra é unha lectura dinámica onde os personaxes cobran vida en Vila do Pazo, que podería ser calquera vila galega, e na que se recorda a vida cultural de Galicia, histórica e da emigración, e do seu fondo máis escuro e controvertido.

Comparte nas túas redes sociais ou por email