Raquel Castro

Categoría: Recensión

Había xa un tempo que chegara ás miñas mans O derradeiro libro de Emma Olsen e gardeino ata xullo para que fose o meu primeiro libro das vacacións. Unha novela curta avalada polo premio de Narrativa Breve Repsol 2013 e tamén pola recomendación que dela me fixo unha amiga e compañeira de lecturas, Patricia Arias Chachero, que escribe sobre ela no último número da revista Andaina.
A brevidade da novela é unha antítese da complexidade que nela se encerra, xa sexa polos seus artificios literarios, xa sexa pola traballada personalidade da protagonista. En canto á forma atopamos unha prosa áxil que te vai levando de vagar, onde eu, que son moi melindrosa para iso, non atopei nin un só pronome mal colocado o que te centra na historia e non fai que saia de ti a lingüista. Xoga, ademais, coa metaliteratura sendo Emma Olsen unha autora recoñecida que escribe o seu derradeiro libro, mais todos sabemos que escribiu outras novelas, mesmo unha obra de teatro, grazas ao tradutor que se converte no noso cómplice coas notas a pé de páxina, tal coma fixera o tradutor das palabras de Cide Hamete Benengeli. Nada máis ler as primeiras páxinas xa tes ganas de buscar na "rede" información sobre Emma Olsen para ler máis dela, pero Emma Olsen non está na "rede", porque saíu da pluma de Berta Dávila, como Garp saíu da pluma de John Irving, ao que lembrei lendo esta novela.
Emma Olsen representa a muller que se rebela ante o que lle foi imposto de seu, fronte á súa antagonista Clarissa que o único que desexa é quedar sempre nunha cidade que as abafa só para ter algo do que queixarse argallando mil maneiras de fuxir sen dar un só paso en ningunha dirección.
Ás veces regálannos un libro, ás veces mercámolo nós, mais ás veces compartir lecturas é a mellor maneira de espallar a boa literatura como o profesor Montana fixo con Emma.

Comparte nas túas redes sociais ou por email