Publicamos 'Bágoa de lúa', de Sabela González, primeiro tomo da triloxía fantástica AS CRÓNICAS DE LANDEREINA

Categoría: Nova

Estes días irá chegando ás librerías de todo o país o primeiro tomo da triloxía AS CRÓNICAS DE LANDEREINA, titulado 'Bágoa de lúa' e que está chamado a ser un dos acontecementos literarios do ano e que asina, coa súa obra de debut, Sabela González.

A OBRA:

Durante corenta anos, Landereina sufriu baixo o poder do malvado Wiasmau. O reino xa está recuperado, pero a historia está a piques de se repetir, a menos que alguén consiga destruír a poderosa Pedra de Lúa.
Nunha pequena cabana, nunha praia esquecida do mundo, Berenguela descubrirá que o seu destino é moi distinto ao que sempre pensara. Descubrirá que salvar o reino pode estar nas súas mans.

BÁGOA DE LÚA é o primeiro tomo da triloxía fantástica AS CRÓNICAS DE LANDEREINA de Sabela González.

Ao sur das grandes montañas Kaii e da cadea Sophesiw esténdese o reino de Landereina, unha terra na que conviven amazonas, druídas, ananos e bandidos, sucada polo escuro bosque de Etlual, fogar de centauros e elfos. Landereina vive en paz grazas ao goberno da dinastía dos Gheiroez. O rei Bogardo segue a esforzarse en reconstruír o reino, igual que o fixeron os seus antepasados dende que Argun II lograra derrotar o malvado Wiasmau, quen durante décadas tiranizara as súas terras grazas ao poder da Pedra de Lúa. Pero a felicidade en Landereina está en perigo de novo: o exército escuro dos kaihunn está a avanzar polas vilas baixo as ordes dun novo e descoñecido tirano que busca destronar os Gheiroez e facerse coa Pedra de Lúa e, con ela, co poder sobre Landereina.

A AUTORA

Sabela González naceu en Burela en 1981 e non tardou moito en decidir que quería ser escritora.
Mentres o soño agardaba entre ducias de cadernos, mudouse a Vigo e estudou tradución e máis un máster en edición.
Na actualidade, traballa na Universidade de Vigo e conseguiu o Grande logro de atopar tempo e dedicalo ao que sempre quixo: escribir. Blogueira afeccionada, debuxante empedernida e poeta esporádica, comparte as súas creacións no blog Gramática de Corpos.
Este libro é a súa primeira novela.

Comparte nas túas redes sociais ou por email