Persoas cun oído finísimo…

Categoría: Opinión

persoas  cun oído finísimo din que en vinilo a música soa mellor que no ordenador. eu, que non oio tanto, prefiro o dixital pola súa facilidade de manipulación (lembrades o rito de limpar os discos cun pano?), porque non se escoita de fondo a tixola dos ovos fritidos, porque podo copialos para escoitar no coche…

sempre haberá oídos privilexiados. e grupos que fagan edicións especiais no vello formato. pequenas xoias para coleccionistas.

pero, se o día en que apareceron os cedés algún se parou no medio da vía do tren para tentar frealo, quedou ciscado en anaquiños.

algo así vai pasar cos libros. igual o momento do estoupido non é este nadal. pero será a primavera. agardamos por novos lectores cun prezo máis axustado, trebellos a cor nos que se poidan ver imaxes e vídeos e seguir ligazóns á internet.

o papel sobrevivirá para aqueles obxectos que porten un valor engadido. pequenas xoias de coleccionista.

e o desafío da industria é descubrir ou deseñar novas regras de negocio para este negocio con novas regras.

en todo caso, eu non me poñería no medio das vías a tentar parar o futuro. prefiro subirme ao tren. chámanlle instinto de supervivencia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email