Montse Pena Presas

Categoría: Recensión

Case todos tivemos, cando eramos nenos, unha boneca moi especial, da que aínda lembramos o seu nome. E moitas nos preguntamos, tamén cando eramos cativas, qué pasaría cando a nosa boneca medrase. Algo semellante lle ocorre a Elsi, a protagonista desta historia, cando perde a Bríxida, para ela máis ca un xoguete, unha compañeira de aventuras, un buratiño dende onde mirar o mundo, o seu vencello coa infancia primeira. Elsi chora desconsolada e o seu desconsolo atrae a un camiñante, o escritor Franz Kafka, bloqueado coa creación, tentado en destruír a súa obra. Porén, a súa pluma flúe cando é para calmar a incertidume dunha picariña que se separou, por vez primeira, de alguén querido. E así Franz convértese nun singular carteiro, nun carteiro de bonecas, que lle fai chegar a Elsi as novas de Bríxida dende todas as partes do mundo, axudándolle a afrontar os cambios, dándolle ás para poder voar, para soñar o que non se ten.

Baseada nun feito real, Kafka e a boneca viaxeira é a humanización do persoeiro, dese escritor peculiar, misterioso, intrigante, escuro por veces. Jordi Sierra ofrécenos a oportunidade de imaxinalo na súa cotidianidade, case de tocalo coas nosas mans, mais sobre todo, de valorar ese xesto heroico de quen soubo ver que salvar a unha nena é, efectivamente, como salvar o mundo. Porque esta lectura escora entre a emoción (como tomará Elsi a nova carta?, matinamos), o suspense (a onde irá Bríxida agora?, preguntámonos), a tenrura (Elsi recostada ante o descoñecido carteiro de bonecas, contemplamos) e o sentimento. O sentimento de todas as que fomos nenas, dos que nos sentimos ás veces como Wendy, a mellor amiga de Peter Pan, e non queremos medrar, e dos que aprendimos que os lugares, os obxectos e as persoas amadas habitan para sempre na nosa memoria e, como se di no libro, iso, e non outra cousa é a eternidade. Kafka e a boneca viaxeira é, sen sabelo, un manual para saber vivir valorando o paso do tempo, porque "o fermoso de crecer é que cada día suceden cousas novas". Non o esquezan.

Comparte nas túas redes sociais ou por email