Manuel Núñez Singala

Categoría: Recensión

Hai varias razóns polas que recomendo este libro e unha pola que non. Comezo polas primeiras.
É unha historia que fala dun tema universal: a solidariedade. E faino atrapándonos dende o comezo cun relato coral, que escribe a narradora pero tamén, a través de cartas, entradas nun blog ou comentarios, a maior parte dos seus personaxes.
Da mans de dúas nenas de idade similar, pero con orixes moi diversas,descubrimos un universo no que conflúen dous mundos: o occidental ambientado en Galicia, e o dunha república da ex Unión Soviética, localizado en Ucraína. Malia estas diferenzas de orixe e cultura, axiña descubrimos que as dúas nenas teñen máis en común do que a primeira vista poida parecer. Fóra dos contextos de abundancia ou escaseza, as dúas comparten arelas e preocupacións comúns e un fondo de bondade que resulta conmovedor.
O libro salienta valores fundamentais para a infancia como a cooperación, a axuda aos demais, a xenerosidade e a fraternidade, todos eles imprescindibles para a construción dun mundo máis xusto. Non en van a narración xorde dunha experiencia real de cooperación familiar emprendida pola autora con varios orfanatos ucraínos.
E todo isto nun relato cargado de emoción, ben escrito e cunha linguaxe sinxela e polo tanto de acceso doado para a banda de idade á que vai dirixida.
E por último non recomendo o libro polo feito de que a autora sexa miña irmá… senón por todo o dito arriba 😉

Comparte nas túas redes sociais ou por email