Lara Dopazo Ruibal gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2020

Categoría: Nova

A gañadora da cuarta edición do Premio Illa Nova de Narrativa 2020 foi Lara Dopazo Ruibal coa novela “O axolote e outros contos de bestas e auga”.

Anunciouse o pasado venres, ás 18 h, na sala do restaurante do Corte Inglés de Vigo, nunha rolda de prensa na que participaron Pati Blanco, poeta e director de márketing e comunicación de El Corte Inglés, Malores Villanueva, coordinadora do Premio Illa Nova, Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia e a gañadora do galardón.
O xurado do Premio, composto por Ana Cabaleiro, Armando Requeixo, Antón Riveiro Coello, Antía Yáñez e Malores Villanueva, como secretaria do xurado en representación da Editorial Galaxia, destacou que a obra “é un conxunto de relatos orixinais, diversos e de grande altura estética”.
Ademais, subliñaron que “os textos son suxestivos e abarcan diferentes subxéneros: fantástico, terror psicolóxico, neofabulístico… En todo momento a autora logra dosificar a intriga sen deixar de progresar na narración ata chegar ao clímax final.”
A autora manifesta “un dominio do relato no manexo da tensión e intensión para crear atmosferas envolventes que nos levan a finais abertos, inquietantes e de lecturas múltiples”.
Esta é unha característica que destacan, “pois deixa que a lectora ou o lector constrúa a historia, e por iso se suxiren e deixan intuír camiños coa intención de non demostrar, e si de mostrar vidas das que extraer lecturas”. O xurado manifestou o valioso de introducir ambientacións doutras latitudes alleas á galega, dende a americana ata as paisaxes orientais, e do poder do lendario e simbólico nos textos.
Trátase dunha obra moi suxestiva no formal e na temática detrás da que se atopan tamén moitas lecturas.
‘O axolote e outros contos de bestas e auga’ é unha serie de contos que teñen como elemento común o sobrenatural; unha ducia de historias nas que os animais –e outro tipo de bestas– e a auga cobran protagonismo. Contos que combinan o desacougo co humor, o improbable co imposible, o humano e mais o natural superpostos e fundidos nunha colección de historias de prodixios e arrepíos.
LARA DOPAZO RUIBAL. Formouse como xornalista na Universidade de Santiago de Compostela e despois especializouse en Cooperación Internacional e Desenvolvemento (UPV/EHU) e en Filosofía Práctica (UNED). O seu primeiro libro, “Dende illa peixe”, obtivo o premio GzCrea no ano 2008, e nel está baseada a curtametraxe “Illa pedra” da cineasta Adriana Páramo.
Despois deste virían outras obras e premios: co libro ovella obtivo o premio Francisco Añón no 2015; tamén no ano 2015 recibiu o premio Nortear polo relato Clementina; e no ano 2017 recibiu o Fiz Vergara Vilariño polo libro “Claus e o alacrán”, publicado por Espiral Maior no ano 2018.
É tamén autora da plaquette “Os lobos na casa de Esaú” (Chan da Pólvora, 2017) e coautora e coeditora do ensaio colectivo experimental “A través das marxes: Entrelazando feminismos, ruralidades e comúns” (Bartlebooth, 2018). Textos seus forman parte de diferentes publicacións colectivas e antoloxías de poesía galega. Foi residente na Real Academia de España en Roma no ano 2018/2019 coa bolsa Valle-Inclán, para desenvolver un proxecto literario.
O PREMIO ILLA NOVA
A Editorial Galaxia convocou, este ano, a cuarta edición do Premio Literario Illa Nova de Narrativa 2020 para autores e autoras menores de 35 anos co obxectivo de estimular a creación. En 1957 a Editorial Galaxia botou a andar a colección Illa Nova, coa que pretendían dar continuidade ao proxecto da editora a través das novas xeracións, sempre con vontade de renovación. Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán ou Carlos Casares foron algúns deses novos valores que publicaron na colección onde saíron algunhas das principais obras do que se deu en chamar “Nova Narrativa Galega”. Con esta mesma finalidade de abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria, en 2017 nacía o Premio Illa Nova de Narrativa que en anteriores edicións foi gañado por Vanesa Santiago, Antía Yáñez e Abel Tomé.

Comparte nas túas redes sociais ou por email