Isto non é o que parece

Categoría: Opinión

En maior ou menor medida, os músicos estamos todos tolos. Patoloxicamente falando. A min díxomo o meu psiquiatra, e el disto sabe moito, porque é psiquiatra. Pero tamén porque é músico. En certa ocasión, xa un pouco afectados por demasiadas noites seguidas de xira, algúns compañeiros de Lamatumbá e mais eu decidimos recrear aquela foto de Zappa na que o músico aparece completamente espido sentado no retrete mentres le con tranquilidade o xornal. Nesas estabamos, eu espido na taza, o fotógrafo enfocando e outro dos compañeiros rindo coa estampa, cando de súpeto entrou no camerino o promotor do concerto, aguerrido arxentino en acitude moi agarimosa cunha moza que entre outras virtudes tiña a de non ser a súa muller. Todos quedamos vendo fixamente os uns aos outros, en absoluto silencio. Escoitábase o pensamento común, eu non mirei nada se ti non miraches nada…, até que o noso fotógrafo decidiu romper o encantamento: “¡Isto non é o que parece!”, “No, amigo –respostou o home–. Esto es, exactamente, lo que parese”. Hoxe os tempos son terribles, días salvaxes de crise, despidos, paro, días de crudeza case selvática, e a nosa actitude ante a vida, máis alá dunha postura temporal, segue a ser a mesma: estamos todos tolos. Pero tolos de consciencia. A vida xa é hoxe bastante difícil de por si. Deixádenos seguir a vos ofrecer abeiro, unha pouca festa, un baile, a emoción dun sorriso furtivo. Fóra chove, traemos paraugas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email