A figura de Xela Arias como narradora no inédito “Non te amola!”

Categoría: Nova
A semana pasada presentouse en rolda de prensa na Libraría Librouro de Vigo, o libro inédito de Xela Arias, ilustrado por Luz Beloso, Non te amola!. Acompañados da súa nai, presentaron o libro Darío Gil Arias, fillo da autora, a ilustradora Luz Beloso, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Na editorial asumimos con orgullo e felicidade que a familia nos confiase este texto narrativo de Xela Arias. Publicámolo nunha coidada edición en tapa dura e gran formato, como merece este acontecemento literario. Nun par de días, estará nas librarías de todo o país.
Trátase dun libro diferente que amosa unha Xela nena, auténtica e inconformista, forte e empoderada, unha visión da infancia completamente distinta á que coñecíamos hai 30 anos. A ilustradora, Luz Beloso, quixo transmitir a personalidade da homenaxeada no Día das Letras Galegas, da que se declara admiradora.
Nesta obra pódese comprender mellor a maneira de pensar de Xela, a través das páxinas as lectoras e lectores conectarán coa súa esencia pois, en palabras do seu fillo Darío, lendo o primeiro capítulo, viu reflexada a súa nai dende o primeiro momento.
Esta é unha oportunidade para coñecer á Xela Arias narradora. Unha obra que desborda modernidade e vangarda por todas partes. O acontecemento literario, en palabras de Francisco Castro, deste ano 2021. Non o perdades.

Comparte nas túas redes sociais ou por email