Esta fin de semana celebramos o Samaín

Categoría: Evento

Esta fin de semana celebramos o Samaín, unha das noites máis especiais do ano, ateigada de misterios, lendas e historias. Unha festividade cargada de personalidade propia na que a maxia é a protagonista.
Para entender a festividade, recomendamos lecturas coma O noso samaín, de Loretta Birott Bermejo, para gozar e manter o espírito da efeméride desde as nosas casas.
Neste álbum fermosamente ilustrado por Nuria Valdeón Balsas, se nos convida a coñecer máis de preto esta fantástica celebración, onde case todo pode acontecer.
Defender O NOSO SAMAÍN, non o Halloween… esa é a premisa que moveu a Loretta Birott e á Editorial Galaxia a publicar este libro. Un traballo que busca explicarlle ás nenas e nenos de Galicia a fecunda tradición galega relacionada co nacemento do outono e crenzas que veñen de hai moitísimos séculos, tantos como ten o noso pobo milenario.
Cremos que é fundamental que a cativada galega saiba que a tradición dos calacús e do contacto entre os mortos e os vivos é, tamén, galega, que se chama Samaín e que leva celebrándose no País, dende sempre. Unha xeitosa maneira de achegarse a esta tradición nun relato sinxelo, poético e cargado de historias.

Comparte nas túas redes sociais ou por email