Escribir en favor da liberdade

Categoría: Nova

Dende a Editorial Galaxia amosámonos como firmes defensoras da loita feminista en prol da igualdade entre homes e mulleres. O 8M é só un recordatorio do que se debe defender cada día: a liberdade, a igualdade de oportunidades, a diversidade, a dignidade, a valentía, a abolición da opresión ou do machismo que se mestura en toda a sociedade, como fíos de plastilina. A escrita é unha forma de reivindicar e posicionarse nesta loita necesaria, que busca a liberdade para todas as persoas.

Moitas autoras soñan e difunden a través das páxinas dos seus libros, un futuro mellor, é por isto que hoxe reivindicamos o seu labor e recomendamos algúns dos moitos libros feministas que forman o noso catálogo:

AS MALAS MULLERES, de Marilar Aleixandre. Premio Nacional de Narrativa 2022, Premio Blanco Amor 2020. Unha novela escrita contra a desmemoria, para recuperar a memoria das excluídas, reclusas no cárcere da Galera, da Coruña, en 1863. Unha atención ás excluídas onde Arenal e Juana de Vega, traballando a prol da dignificación das persoas, foron pioneiras. Asemade é un canto ao papel dos libros e a lectura en mellorar a vida das persoas, en dar esperanza ás desesperadas.

CIRCE OU O PRACER DO AZUL, de Begoña Caamaño. A autora reformula a historia de Penélope e Circe, un dos mitos centrais da cultura europea, tecendo fíos de sororidade entre as protagonistas. Unha muller leva once anos agardando polo retorno do seu home. Cando comeza a temer a probable morte do marido, recibe a carta dunha estraña, unha muller misteriosa que a informa de que o seu home non está morto, senón que vive con ela un romance apaixonado. A partir de aí, o destino das dúas muleres únese para sempre.

NATURA, de Iolanda Zúñiga. Premio Gala do Libro 2019, Mellor Libro de Narrativa do ano. A autora constrúe unha distopía na que dúas mulleres, nai e filla, emprenden unha fuxida deixando atrás unha terra devastada, unha civilización destruída, un mundo sen auga e sen futuro. Camiñan na procura da salvación, dese lugar chamado Natura onde se constrúe unha civilización forte, xeneticamente invencible, capaz de desafiar a canta catástrofe teña lugar. Só unha conseguirá entrar en Natura, nesa obra de enxeñería deseñada para a salvación, e pasará a formar parte das Elixidas. 

CHÁMAME SEÑORA PERO CHÁMAME COMO UN SEÑOR, de Inma López Silva, pertencente á colección Feminismos, foi o libro encargado de inaugurar esta sección. A autora comparte neste ensaio a súa memoria persoal do machismo na cultura, a través dunha escrita na que abonda a ironía, pero chea de realismo. Un balance de máis de vinte anos de dedicación á literatura na que López Silva ergue a súa voz en contra dos vicios machistas que forman toda a sociedade.

LIBRES E VIVAS, de VVAA. Un libro asinado por dez autoras de primeiro nivel das nosas letras que neste libro reflexionan, dende a Literatura, arredor de cuestións relacionadas coa Igualdade, o terrorismo machista, a violencia patriarcal e o dereito, dunha vez e por todas, de vivir en liberdade e sen medos. As autoras que forman esta obra son Anxos Sumai, Berta Dávila, Charo Pita, Elisabeth Oliveira, Esther F. Carrodeguas, María Canosa, María López Sández, María Xosé Porteiro, Mercedes Queixas e Paula Carballeira, dez narradoras de ámbitos creativos moi distintos pero que plasman, cada unha ao seu xeito, a dureza da cuestión para facernos reflexionar dende historias protagonizadas por mulleres atrapadas, mulleres que se liberan, mulleres que loitan, mulleres que din non. 

ÁRBORES NO DESERTO, de Rosalía Fernández Rial. O poema A reflexión recibiu o Premio Poesía Ari[t]mar Galiza e Portugal. Publicada na colección Dombate, esta obra escribiuse ao desconstruír a voz e o trazo das súas autoras. Sobre a trama resultante a literatura compuxo colaxes urdidas coa figura e as palabras de pensadores que teceron imaxinarios redentores a través do tempo. As raíces das súas ideas medran agora en nós, coma árbores no deserto. Coma árbore no deserto agroma, rizomática, a arte, oasis de liberdade.

FEMINISMO EN CEN PALABRAS, de Luca Chao. A autora, escribe este libro dende o convencemento feminista, dende o punto de partida de que todas as persoas somos iguais. Nesta proposta, Luca Chao achega un corpus teórico esencial, que facilita a comprensión de certos conceptos básicos da teoría feminista. Esta tamén é unha invitación a ir máis alá, unha porta aberta ao debate. Un convite a pensar o mundo que nos rodea e a maneira que temos de nomealo.

A LISTA DA COMPRA, de María Besteiros. A maternidade dos fillos vivos e da filla morta, a incomunicación, a vida illada nun rural organizado desde os despachos, a demanda continua dun corpo que deixou de pertencerme. Un perpetuo cuestionamento da identidade. Un eu delimitado polos outros. Nin público nin privado. Un corpo compartido como tránsito e fronteira.

Seguimos camiñando, xuntas, en busca da liberdade e igualdade de oportunidades.

Comparte nas túas redes sociais ou por email