Entrevista a Mercedes Queixas, autora de Labrego con algo de poeta

Categoría: Nova

1.- Por que este título para este libro?
Procurei un título que achegase ao público lector unha definición totalizadora do autor e pareceume que eses versos seus tirados do poema titulado "Carné de identidade" o eran. A íntima conexión coa Terra e a necesidade de pulsar incansabelmente o convivio coa Poesía foron a cerna do ser e do sentir vital de Manuel María.
2.- Cal foi a principal dificultade coa que te atopaches á hora de encetar este traballo?
Manuel María aínda é sentido en presente, non o vemos, mais a súa obra, tan popularizada en vida, segue nas lecturas e relecturas de moita xente, así como a emoción das lembranza de vida compartida.
A Manuel María nada lle era alleo no seu tempo, as claves da súa vida e da súa escrita, camiños paralelos, están marcadas pola acción, pola implicación, o que explica a súa presenza e acompañamento en multitude de actos ora de xénese literaria ora formativa, divulgativa ou reivindicativa, xunto á súa necesidade de percorrer o País para o coñecer e, ao tempo, se coñecer a si mesmo e a súa tribo, o que o levou a manter contacto con multitude de persoas, colectivos, asociacións, etc. que o seguen a lembrar como memoria viva.
Manuel María era un gran conversador e un brillante orador, é difícil non sentirmos aínda en nós a súa voz penetrante e segura, o discurso do intelectual comunicador próximo ao auditorio.
É unha figura tan viva, tan apreciada, que quixen que nesta biografía tivesen voz propia algunhas persoas que testemuñasen a relevancia do noso autor como poeta e como cidadán amante do seu pobo, comprometido co seu presente e futuro.
Non poder dar cabida a moitas máis voces nese coro para min tan necesario, xunto á necesidade de sintetizar unha vida tan intensa no plano individual e colectivo do autor do maior corpus literario desde 1950, foi sen dúbida a maior dificultade.
Saleta Goi, a compañeira e confidente do poeta, quen me transmitiu toda a confianza necesaria para este traballo e a quen debo a maior das gratitudes.
3.- Poucos autores hai máis unidos á Terra que Manuel María…
Efectivamente, a necesidade da Terra en Manuel María fica patente no conxunto da súa poliédrica obra literaria ben sexa esta poética, narrativa, teatral, ensaística ou xornalística a través das columnas semanais en prensa do seu espazo "Andando a Terra".
O autor reconstruíu poeticamente a xeografía galega: Valdeorras, o Orcellón, o Val de Quiroga, Pantón, Compostela…
Na biografía recollemos unha anécdota ben significativa que nos contou Saleta Goi. Cando chegaban a Outeiro, á súa querida e tan poetizada Casa de Hortas, antes de entrar na casa e saudar a familia, daba unha volta polo arredor da casa, pola horta, admiraba como estaba todo. Era unha necesidade case panteística.
Na obra de Manuel María a Terra é a grande protagonista, destaca como a cerna arquitectónica do seu pensamento creativo, desde o contorno máis próximo, a casa familiar outeirense, até os círculos vivenciais na tribo chairega, primeiro, monfortinos despois e todos os espazos que visitou, maiormente debido a compromisos profesionais como escritor e intelectual de prestixio incomparábel, no Estado español –nomeadamente en Euskadi e Catalunya-, Portugal –terra adorada- e América do Sur.
O coñecemento e comprensión do próximo levouno a espertar a curiosidade polo alleo, nunha vocación de se achegar ao universal desde o local, o que explica as continuas referencias culturais, históricas e literarias alonxadas a nós no tempo e no espazo, así como a necesidade de viaxar con maior vontade de lecer, especialmente nos últimos anos após a súa xubilación como procurador dos tribunais, a outros países que serían poetizados en O camiño é unha nostalxia.
4.- No teu anterior traballo na nosa editorial achegácheste á figura de María do Carmo Kruckenberg. Agora, a Manuel María. Como se fai para achegarse á vida e obra de poetas tan grandes coma eles dous?
Teño a sensación de que foi como viaxar pola mesma estrada, mais facendo o camiño á inversa, en direccións contrarias.
Achegueime a María do Carme Kruckenberg como poeta, como lectora da súa poesía da que fiquei prendada e a que me levou a espertar curiosidades sobre a súa vida, após ter coincidido con ela e escoitado recitar coa súa voz firme e contundente. Felizmente, para reconstruír esa biografía e poñela por escrito ela foi a protagonista principal e a súa voz é quen enfía as palabras dos días intensamente vividos.
A Manuel María coñecino a comezos dos anos 90, recén licenciada en filoloxía, cando me recibiu na libraría Xistral, que atendía con Saleta en Monforte, xunto a un compañeiro de promoción, Anxo Gómez. Aceptara manter un encontro connosco para nos informar sobre Xan da Cova, un autor que estabamos a investigar para editar unha obra súa. Aquela visita marcoume para sempre, a súa naturalidade, a conversa lúcida e sabia, envolvente, a súa xenerosidade fíxonos conscientes de que acababamos de vivir unha experiencia única e irrepetíbel.
Coincidir con el na vida sociocultural da Coruña, acudir a algunha presentación súa, partillar algunha tertulia na cafetaría Kirss da cidade, guioume para a lectura continuada da súa obra tan fértil, tan plural nas formas métricas, no discurso, no obxectivo e ao tempo tan innovadora. Lembro a impresión que levei cando tiven nas mans os dous volumes da súa obra poética. Algo así só é quen de facelo un ser único que viviu cun profundo amor á súa terra, ao seu país, á súa tribo, á poesía e á vida. 

Comparte nas túas redes sociais ou por email