Crise

Categoría: Opinión

Hoxe é volta á realidade para moitas e para moitos. E dende primeira hora as radios, as teles, a rede, o facebook, o twitter… todos os medios polos que agora nos entra coma fervenza unha realidade que non se para, falan de que vai ser a tempada máis dura de todas as que lembramos. De feito, na portada dun xornal galego, só na portada, atopo as verbas desplome, suspensión, tensión, pérdidas, apuros e baleiro. Todo iso en novas distintas.
Daquela, crise, si. Problemas, de certo. Dificultades, unha chea delas.
Non imos negar o obvio.
Pero malia todo iso temos unha cultura que facer, libros que escribir, cancións que compoñer, lingua que falar, terra que sentir, futuro que construir. Xa sabemos dos problemas que ha traer todo o que vén aí. Xa vimos pechar un xornal en pleno verán cando aínda estaba moi recente o peche doutro. Xa limos os tristes augurios dos profetas da negritude en todos cantos foros se lles deixa falar. Xa sabemos de todo iso. Pero os creadores, os que andamos na batalla da construción do país, dun imaxinario simbólico onde viven as historias, os acordes, as cores todas posibles dun futuro que queremos noso, imos ter que erguernos igual pola mañá para ollar para o único lugar onde é intelixente ter agora a ollada posta: o futuro, que nunca pode ser visionado como horizonte tristeiro, senón como posibilidade de medre e esperanza a gañar.
A realidade, é posible, non vai axudarnos. Pero nunca as cousas foron fáciles. Os que nos precederon pasáronas canutas e foron quen de gañar un futuro guiándose só polo seu entusiasmo e a súa paixón. Nós imos dar igual a batalla. A crise non vai impedir que se nos ocorran tramas fascinantes. A situación económica non vai facer que as cancións saian máis tristeiras.
Crise, si. Pero o corazón latexa coma sempre…

Comparte nas túas redes sociais ou por email