Casares

Categoría: Opinión

De maneira convincente —e convencida— Carlos Casares estaba certo que algún día os humanos desfrutarían do don da inmortalidade. Aquela hipótese (probabelmente a que eu máis desexo) soaba aos meus ouvidos, nas mañás da xa desaparecida cafetaría Alameda, como un enunciado procedente de Macondo ou, se caíse nas mans de Cunqueiro, dun relato pertencente a unha hipotética nova edición de Os outros feirantes, relato que poderia aparecer baixo o nome de “Carlos da Limia” ou “O sueco de Sabucedo”. Perante as súas contundentes afirmacións, eu retrucaba dicendo que, dado que o corpo humano pode considerarse unha máquina rexida por leis físico-quimicas, o que el propuña viría sendo algo como, no plano bioquímico, a aceitación da noción de móbil perpetuo, quer dicer unha máquina que puidese funcionar indefinidamente en clara oposición á segunda lei da Termodinámica. Carlos dubidaba, mais voltaba con novos argumentos, até que un certo dia fun quen de facerlle ver —penso— que a idea que propuña era a da eternidade e que para ateus, ou agnósticos coma nós dito principio era inadmisíbel. Condescendeu a rebaixar substancialmente a cifra aos setecentos ou oitocentos anos. Lembro que eu lle dixera: iso é outra cousa; estamos no territorio dunha ficción que Matusalén sanciona. Houbese desexado que levase a razón na súa hipótese, sempre que, por suposto, eu puidese gozar o proveito que dela derivase.

Comparte nas túas redes sociais ou por email