Cartografías da cultura. Homenaxe a Xan Bouzada

Categoría: Nova

Cadra o presente número coa recente concesión da Medalla de Ouro de Galicia a Editorial Galaxia e mais co nomeamento de Ramón Piñeiro como figura destacada do Día das Letras Galegas para o ano 2009. Ramón Piñeiro foi fundador de Galaxia e codirector de Grial, xunto con Francisco Fernández del Riego, dende 1963 a 1988. GRIAL e Galaxia están a preparar un cumprido catálogo de publicacións e recuperacións arredor deste persoeiro das nosas letras.

Estes feitos dan pé para que o Editor escriba sobre a significación do proxecto Galaxia e as distintas xeracións que nel participaron e participan, dende a fundación da editora, o 25 de xullo de 1950, ata os nosos días. Xan Bouzada incorporouse activamente aos equipos de GRIAL canda a etapa de Carlos Casares, que asumiu a dirección da revista e da editorial dende 1989 ata o seu falecemento en marzo de 2002.

O número aborda temos diversos: a presenza do médico e ensaista Rof Carballo no discurso galeguista (Carlos Fernández), apuntamentos para unha epistemoloxía da cultura galega (Hakan Casares), a propósito de Heidegger cunha ollada sobre o futuro das civilizacións (Basilio Lourenço), sobre o problema do mal na Europa de postguerra (Tony Judt) e achegas á cartografía semiótica do espazo (María López Sández). Desta última está a piques de saír o libro Paisaxe e nación, último premio de ensaio Ramon Piñeiro, que falla anualmente Editorial Galaxia en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e Unión Fenosa.

A maiores, Xosé Neira Vilas, dentro da sección Documentos, fálanos da súa relación co escritor e editor Xosé María Álvarez Blázquez, a quen este ano a RAG dedicou o Día das Letras Galegas, e Alberto Olaizola entrevista a Carlos Reigosa, quen durante anos exerceu postos de dirección na axencia Efe e que, na conversa, reflexiona sobre a liberdade de expresión e os grandes males que condicionan o labor dos xornalistas nas sociedades contemporáneas. Reigosa vén de publicar na colección Ensaio de Galaxia o seu libro Eidos de xornalismo.

Carlos Lema propón trece xeitos de ler (e escribir) poesía; Ángel López García-Molins, catedrático de Lingüística Xeral da Universidade de Valencia, entra nun debate moi vivo na actual situación española: manifesto plurilingüe, e José María Durán, doutor en historia da arte pola UNED, argumenta unha crítica sobre a presenza do pintor Lodeiro no Centro Galego de Arte Conteporánea que en moitos aspectos pode resultar polémica.

A sección de creación configúrana neste número o poeta Gonzalo Navaza e o narrador e deseñador Manuel Janeiro. Na sección de Ciencia e Ténica, os profesores Juan R. Coca e Francisco Díaz-Fierros, recente Premio Nacional de Cultura da Xunta de Galicia, escriben sobre "apertura, interpenetración e posibilitación do sistema tecnicocientífico".

Comparte nas túas redes sociais ou por email