Baldo Ramos e Eva Veiga foron galardoados co Losada Diéguez por “Quérote canto”

Categoría: Nova

Os poetas foron galardoados co prestixioso premio, na categoría de Creación Literaria, este sábado, no concello ourensán de Boborás, pola súa obra conxunta Quérote canto, publicada na colección Dombate de Editorial Galaxia.
Eva Veiga e Baldo Ramos contaron como a obra naceu como resultado de encerrarse xuntos no mosteiro de Oseira, a cuxos monxes dedicaron o premio. Nesta XXXVI Edición, que contou cunha alta participación de obras de altísima calidade, o xurado escolleu este poemario pola súa “singularidade na metodoloxía, que se traduce nunha resonancia creativa”. Unha creación singular, que nace da unión de dúas das grandes voces da poesía galega, fundidas nesta alfaia das letras. Un resultado que consegue conmover ás lectoras e lectores, cunha execución maxistral.
Un texto que demostra que a poesía é sempre o camiño.
Baldo Ramos (Celanova, 1971) cultiva a súa vocación artística dende os 17 anos, cando comeza a escribir poesía. Ten publicado, entre outros, os libros: Palimpsesto (2009) e Cartografía do exilio (2014). Recibiu numerosos premios, entre outros, o Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Concello de Carral, Fiz Vergara Vilariño, e foi accésit do Premio de Poesía Iberoamericana Víctor Jara e do Premio de Poesía Miguel González Garcés.
Eva Veiga (Ombre-Pontedeume, 1961) é autora, entre outros, dos libros de poesía: A luz e as súas cicatrices (2006), A distancia do tambor (2014, Premio Fiz Vergara Vilariño e Premio Poesía AELG), Soño e vértice (2016, Premio Poesía Concello de Carral e Premio da Crítica Española) e Silencio percutido (2016, Premio de Poesía Cidade de Ourense).

Comparte nas túas redes sociais ou por email