Ángeles Abelleira Bardanca

Categoría: Recensión

Atendendo á miña faceta profesional, pídenme que reseñe algunha obra infantil de Carlos Casares. É cousa doada, podería falar dalgunhas obras que escribiu dirixidas a nenos e nenas. Nunha lectura actual, diría que en todas elas hai unha visión respectuosa e integradora da diferenza, do que non é igual ca todo o demais; algo que nos tempos que corren debe entenderse coma un valor. Así, "A galiña azul", "As laranxas máis laranxas de todas as laranxas" ou "Lolo anda en bicicleta", serían obras das que recomendaría á súa lectura nas aulas.

No entanto, vou salientar a súa contribución como tradutor de "O Principiño". Non cómpre dicir aquí que Casares sabía que para fornecer e manter viva a lingua galega, non abondaba con publicar obras escritas nela, senón tamén, facer a tradución desde outros idiomas, sendo determinante a labor dun tradutor; e el, que atesouraba preto de cen edicións distintas da obra de Saint-Exupéry, foi moito máis ca un tradutor, era un admirador deste personaxe aparentemente inxenuo e mesmo estrambótico, pero cheo das razóns que nos faltan aos adultos. Porén, como persoa interesada na comprensión e atención da infancia, agradézolle a Carlos Casares que me permitira lelo na miña lingua materna, e recoméndollo a todas aquelas que pensamos que estamos sacando novas fornadas cocidas co lume da presa e da cobiza.

Eu, nun exercicio de revitalización profesional, de cando en vez, preciso que un principiño que vive só no seu asteroide B612 me diga que se me está a pechar o maxín pola falta de uso; que teño que facer o que eu quero e non o que os outros queren; que paga a pena gastar cincuenta e tres minutos en ir a beber a unha fonte ou en esperar un solpor. Preciso que un neno irritado me faga cuestionarme todas as respostas feitas que dou sen pensar e que me confíe o segredo do raposo: "Soamente se ve ben co corazón. O esencial é invisible para os ollos." E quero que todo isto mo diga en galego, na lingua na que me gusta escoitar falar aos nenos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email