Andrea Ramos Queixas

Categoría: Recensión

O libro Chamádeme Simbad, escrito por Francisco Castro e ilustrado por Manel Cráneo, introdúcenos na enfermidade do alzhéimer que sofre o avó de Paulo, un neno de dez anos que non entende ben os cambios no comportamento do avó.
A primeira parte móstranos o pai como unha persoa moi ocupada, sempre pendente do traballo a través das reiteradas chamadas a un móbil que nunca solta da man; un pai que nunca ten tempo para a súa familia.
A nai, no entanto, representa o perfil de ama de casa que intenta pasar o maior tempo posible entregada ao coidado do avó e de Paulo.
E Paulo o único que quere é xogar a ser Simbad O Mariñeiro e que o avó siga sendo O Capitán dos Sete Mares ou Barbazul ou Pata de Pau. Un xogo que nace da representación lúdica dun conto que o avó sempre gusta de lle contar a Paulo e que une aos dous, avó e neto, no xogo da fantasía e do amor familiar, e que parece truncarse definitivamente o día en que o avó desaparece da casa.
Nesta narración combínase unha mestura entre realidade inmediata, existente na sociedade actual e non sempre ben comprendida, e unhas pingas de humor que fan que te metas na historia como posible protagonista e pidas retransmitila no teu modo de ser e na túa forma de vivir.

Comparte nas túas redes sociais ou por email