Alejandro Tobar Salazar

Categoría: Recensión

A bisneta lercha

Acaba de se publicar na editorial Galaxia, dentro da colección Literaria, o novo libro de Paco Martín, A bisneta lercha, catro relatos, que, bebendo das fontes do conto clásico, aporta unha mirada fresca e anovadora que de seguro ha atrapar ao lector desde o comezo. Para este fin ten recurrido o autor ao seu sabido talento para espertar a faceta intuitiva do lector, que as veces semella durmida —se cadra por mor do predominante realismo ou da fantasía mal procurada—.

Os relatos que conforman este libro son catro, tres dos cales teñen unha base que vén de antergo (Parrulo, Félix e A rapaza á que todos lle querían ben aínda que non a visen máis senón unha soa vez, que homenaxean respectivamente a O Parrulo feo, O gato con botas e Carapuchiña vermella); ademais, inclúese o conto Perdición, que vén ser unha nova homenaxe ao xénero do conto: falas con ras, faragullas de pan caídas nun camiño, homes miúdos petando nun penedo cos picachóns, unha muller loura que di vir de durmir longo tempo, un lobo coa barriga mal cosida…. mais, non ten o texto únicamente a finalidade de tributo, non: este conto, Perdición, exerce de preámbulo do libro, de catalizador, de funil polo que se mergullar na lámpada (¿máxica?) dos contos vindeiros. E xa aquí se transluce o que virá de seguido: unha radiografía non tanto da sociedade como das súas convencións.

Non é tarefa doada mesturar a tradición coa nosa posmodernidade, pero o escritor lugués é un mestre no «quitar de contexto», pois é capaz de prender a esencia dun conto e crearlle ao redor un contexto, un ambiente plenamente novo, á medida das tornas imperantes na actualidade.

Os contos veñen cargados de humanidade; sen embargo, ésta, a fin de compensar a balanza literaria, fica contrarrestada, posto que Paco Martín, que ten as súas táboas no que se refire a ridiculizar os tópicos e os arquetipos e derrubalos nun chiscar de dedos como unha cadea de fichas do dominó empurradas por unha uña , planta arreo personaxes fachendosos, egoístas, preguiceiros, caciques, vaidosos, avarentos ao máis puro estilo do Mr. Scroutch de Dickens, homes capaces de mercar un castelo coa única axuda dun papel e un bolígrafo. A picardía, xunto con este mundo de falsas aparencias, de homes e mulleres que tronan por dentro e rín por fóra será unha constante ao longo de todo o libro, que ten a súa corroboración no feito de que, se cadra, quizas por impotencia, por perda de ilusión, por carestía de filantropía, os desenlaces de dous dos catro relatos poden ter certo matiz cruento, descorazonador.

Como vén sendo habitual na prosa de Martín, a linguaxe é accesible sen deixar de ser rica. As historias son narradas con sinxeleza; froito dunha estructuración longamente cavilada.
Na forma narrativa, ao citado estilo, cabe subliñar que a narración gaña en fluidez grazas á supresión dos diálogos guionados, que son substituidos polo emprego da letra cursiva, sen se separar do corpo textual, ao xeito da escritura de Roberto Bolaño ou Saramago.

Outra nova salientable no que atinxe ao estilo dase no derradeiro relato, no que se inclúen anotacións a modo de apéndices informativos, cos que o autor parece querer amosar ao lector cal ten sido o camiño percorrido no proceso creativo, ademáis de instruílo na teoría literaria proposta por Levi-Strauss ou Vladimir Propp.

Dá a sensación de que O Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil avoga por defender a fantasía, por facer apoloxía da imaxinación como nova dimensión coa que enriquecer a mirada. Non hai un afán de adotrinar, senón máis ben unha querencia de amosar a realidade. Dalgún xeito os relatos levarán ao lector a un mundo moi similar a aquel que noutrora creara o inglés Barry co seu Peter Pan, onde soamente cómpre usar a imaxinación para que os cuncos baleiros se enchan con carnes da Arxentina e sopas de marisco das nosas rías.

A bisneta lercha é un magnífico traballo realizado por Paco Martín, que non caeu na tentadora mímese nin na paráfrase, e que deu saída ao mercado literario unha proposta que tanto pode ser recollida por maiores como por cativos.

Dá gusto que quen sabe narrar historias asuma retos literarios coma éste que se agocha nas páxinas de A bisneta lercha e que agasallan ao lector un tempo de lecer e un espazo para a comunicación, para o coñecemento.

Alejandro Tobar Salazar

Comparte nas túas redes sociais ou por email