Agora é cando, Galicia é onde

Categoría: Opinión

O son dun saxo a bater contra a pedra. E por cada golpe unha nota. E en cada nota unha rapaza que mira directamente aos ollos dun home alto e forte que suxeita nas mans un lanza pelotas de goma. Agora é cando. É sábado. 16 de xaneiro. Son as cinco da tarde. El ten un obxectivo: impedir o acceso da rapaza á Praza de Cervantes. Concentraban xente nas esquinas. Que non sexamos nós. Un e outra. A identificación. E no carné de cada persoa arrimada á parede a cabeza dun tigre. Todas somos Máximo Tartaglia.
Convocárase un roteiro anti-especulación. Non podía celebrarse por defectos de forma. Pero celebrouse. Só que o percorrido foi diferente e o tempo cambiou: aínda hoxe é sábado á tarde. Un dos casos: tapiaron a última Casa Encantada. Os okupantes só tiveron tempo de recoller catro cousas. Así unha biblioteca dentro dun edificio con fiestras e portas de ladrillo. Nun libro de Cid Cabido: “Sabiamolo porque nós xa eramos extremas antes de chegar á Mina da Neve”. Pode que tamén unha gata quedase alí pechada. Cos papeis e un proxector que se prende cada día ás cinco da tarde. Contra a parede aparece un home miañando en francés: “Mesmo cando se ignora o que podería ser a xustiza do xusto, queda a dignidade da indignación e o rexeitamento incondicional da inxustiza”. (Daniel Bensaïd, 1946-2010).

Comparte nas túas redes sociais ou por email