Presentouse ´Berroguëto, o pulso da terra'

Categoría: Nova

A Cidade da Cultura foi escenario, o pasado venres, da presentación de 'Berrogüetto. O pulso da terra', a primeira biografía oficial do grupo, publicada no seu XV aniversario. Publicado por Galaxia e escrito polo xornalista e crítico musical Fernando Neira, o libro 'Berrogüetto. O pulso da terra' supón a primeira biografía sobre un dos grupos musicais máis relevantes que deu a música de raíz tradicional galega durante as dúas últimas décadas.
Nesta presentación, que tivo lugar nunha Biblioteca de Galicia ateigada de amigos e seguidores do grupo, interviñeron o músico Anxo Pintos, o autor do libro, Fernando Neira, o editor Francisco Castro e o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela. O acto pechouse cunha actuación en vivo do grupo en formato acústico.
Tanto Anxo Pintos como Fernando Neira coincidiron en salientar a importancia deste libro, que recopila 15 anos de historia e que retratan, en palabras de Neira, 'o devir artístico de sete talentos que son capaces de discutir durante horas para poñerse de acordo sobre un detalle musical mínimo. Pero iso é o que os convirte en especiais, ese perfeccionismo detallista'.
A viaxe de Berrogüetto comeza en 1995, cando seis músicos de procedencias dispares xuntáronse coa intención de levar a música tradicional galega un paso máis aló, experimentando con novas sonoridades. Nun prazo moi breve, converteuse nunha das formacións de world music de referencia no ámbito internacional, coa mestura entre tradición e experimentación como sinal de identidade. Como eles mesmos aseguran, os integrantes de Berrogüetto cren na diversidade cultural como fonte de riqueza, de xeito que a súa inquietude pola música e as súas ganas de innovar leváronos a investigar con sons e instrumentos diferentes.
En 2011, Berrogüetto continúa desenvolvendo a xira de presentación de Kosmogonías, o seu quinto traballo discográfico, editado como os anteriores baixo o seu propio selo, e a través do que o grupo achega "unha colección de sons orgánicos" onde se plasma fielmente a súa especial concepción da música. Este novo disco presenta, ademais, dúas novidades importantes: dunha banda a incorporación de Xabier Díaz como voz da formación –que completan Anxo Pintos, Guillerme Fernández, Isaac Palacín, Quico Comesaña, Quim Farinha e Santiago Cribeiro– e doutra, a utilización da nickelharpa, un instrumento de corda, orixinario do folclore sueco e similar en aspecto a unha zanfona.
Publicado por Galaxia e escrito polo xornalista e crítico musical Fernando Neira, o libro ‘Berrogüetto. O pulso da terra’ supón a primeira biografía oficial sobre un dos grupos musicais máis relevantes que deu a música de raíz tradicional galega durante as dúas últimas décadas. O volume, que coincide coa celebración institucional do Ano da Música e co décimo quinto aniversario da banda, vai acompañado do primeiro audiovisual dun concerto ao vivo desta formación, gravado en colaboración coa Televisión de Galicia no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, en novembro de 2010. Inclúe ademáis un CD co rexistro sonoro do mesmo concerto no que se presenta un tema inédito.

‘O pulso da terra’ percorre de xeito minucioso a historia do grupo ao longo destes quince anos de actividade, tanto en Galicia como ao longo do Estado español e as súas xiras internacionais. Detalla a peripecia artística de todos os seus integrantes, os sete actuais e os que formaron parte da banda nalgún momento, e retrata a eclosión do folk galego como un dos fenómenos musicais máis relevantes para a recuperación do noso patrimonio cultural. O libro nútrese de abundantes conversacións mantidas ex profeso para a ocasión con todos os músicos do grupo, así como con outras personalidades da cultura galega e estatal que desenvolveron un papel relevante ao longo destes tres lustros como compañeiros de profesión, colaboradores, representantes, técnicos ou amigos. A través da historia de Berrogüetto, percórrese tamén a historia da música de raíz en Galicia durante os seus anos máis esplendorosos. Non faltan no libro as fotografías imprescindibles para contar a historia, moitas delas inéditas, nun formato visualmente moi coidado coa estética propia de Berrogüetto e a solvencia técnica da nosa editorial.

Comparte nas túas redes sociais ou por email