O tuiteiro Paulo Calvo gaña o noso concurso #rosaliasempreporque

Categoría: Nova

Como anunciamos hai dez días, cando botamos a andar este novo concurso en twitter, hoxe, véspera do Día das Letras, habiamos dar a coñecer o nome do gañador ou gañadora do concurso en twitter no que se animaba aos tuiteiros e tuiteiras a explicar o por que da importancia de Rosalía para eles, para as súas vidas, para a nosa cultura…
Foron algo máis de duascentas as propostas. Logo de valoralas todas, inclinámonos polo chio de Paulo Calvo que di #rosaliasempreporque miña bisavoa levaba Cantares Gallegos cando ía ó monte coas vacas.
Se Rosalía, xa no seu tempo, destacou como poeta popular, e o pobo galego era quen de aprender os seus poemas de memoria, este chío volve lembrarnos ese carácter de poeta nacional que a autora conseguiu dende o momento inicial da publicación dese libro fundacional. E a avoa levaba Cantares Gallegos. Coma Galicia enteira leva a Rosalía no adn emocional.
O premiado recibirá nos días vindeiros un lote de libros de Rosalía de Castro, sobre Rosalía de Castro, así como sobre o seu home, Manuel Murguía.

Comparte nas túas redes sociais ou por email