Hoxe presentamos A malferida, Premio Illa Nova 2022,  de Irene Rega Jul, en El Corte Inglés de Vigo, nunha rolda de prensa na que, acompañando a autora, estiveron Fuencisla Cid Rodríguez, directora de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.

No acto, fixéronse públicas as bases do Premio Illa Nova 2023, que xa se poden consultar na seguinte ligazón:

Premio Illa Nova 2023

A Editorial Galaxia convoca a sétima edición do galardón coa colaboración e complicidade do Ámbito Cultural El Corte Inglés, co fin de estimular a creación de autores e autoras menores de 35 anos. A gañadora ou gañador recibirá un premio de 3000 € concedido por El Corte Inglés, unha escultura simbólica conmemorativa do galardón, e a publicación da obra premiada.

En palabras de Fuencisla Cid, dende El Corte Inglés “seguimos impulsando e achegando a cultura á sociedade, defendendo un sentimento de pertenza e compromiso con Galicia e a cultura galega”. A directora de comunicación animou a todas as persoas a participar nesta nova convocatoria que busca “estimular o talento mozo”.

Francisco Castro quixo agradecer a complicidade de El Corte Inglés para impulsar este premio e puxo en valor o talento que atesoura cada edición. O director de Galaxia celebrou a continuidade e éxito do premio, que este ano suma a súa sétima edición.

Irene Rega, autora da obra gañadora, destacou que este premio supón “unha lanzadeira para as creadoras mozas, unha forma de que as escritoras e escritores poidan acceder ao panorama literario”. Rega, que é unha gran lectora dende cativa e amante das historias, comezou a escribir as súas primeiras obras con 16 anos. Esta obra busca chamar a atención do público adulto cara unha realidade difícil, como é o acoso escolar. Unha problemática de desafortunada actualidade, na que aínda queda moito por facer.

Na novela A malferida, a protagonista Mariña sente terror cada vez que vai ao colexio. O seu único desexo é pasar desapercibida, ser invisible aos ollos dos acosadores.

Irene Rega Jul (Cervo, 1996) é mestra e está graduada en Educación Primaria. Medrou nun fogar cheo de libros e dende moi pequena inculcáronlle a paixón pola lectura. Comezou a escribir as súas historias aos dezaseis anos e, con elas, a gañar algúns premios. Ao tempo que participaba en distintas antoloxías, ata que en febreiro de 2018 publicou a novela “Si me pierdo, tú me encuentras”, e en xuño de 2019 a súa continuación, “Si me pierdo, búscame”. “A malferida” é a súa primeira novela en galego, coa que gañou o Premio Illa Nova 2022.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR