Galaxia pon nas librarías un novo inédito de Neira Vilas

Categoría: Nova

Estes días chega ás mesas de novidades das librarías galegas Co pai, unha obra inédita de Neira Vilas que se suma á Biblioteca que a Editorial Galaxia dedicou, xa en vida, a reunir a obra do escritor inmortal de Gres, autor entre outros de Memorias dun neno labrego. Este é xa o segundo volume inédito que publica Galaxia despois do pasamento de Neira Vilas o pasado 2015. Así, en 2018 xa anunciamos a publicación de De Gres a Cádiz, unha crónica na que o autor afondaba nos sucesos da primeira parte da súa vida. 
Chega agora a publicación de Co pai, un libro que Neira Vilas comezou a escribir na Habana, en febreiro do ano 2000, e que segue o ronsel de Nai, volume de estampas dedicadas á figura materna. En Co pai, editado pola profesora da Universidade de Santiago Dolores Vilavedra, o autor recolle unha serie de prosas relacionadas co seu pai. As experiencias dos dous xuntos, en común, en compaña nos labores, traballos e problemas domésticos. Un libro onde amosan os vínculos afectivos que o unían co seu proxenitor ao ser o fillo máis vello, cun vencello máis estreito nesa etapa vital, de traballo, á que se fai referencia constante nesta nova obra. A memoria do pai aparece ao longo destas páxinas case sempre vencellada á casa e aos labores agrarios: “Home multiplicado, a un tempo construtor, carpinteiro, labrego, atendendo ás lúas, restrebando e sachando”. En definitiva, vinte e cinco retrincos acompañados de fotografía que testemuñan unha relación fundamental, sempre presente na obra literaria de Neira Vilas.
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email