Relatorio “Crear porvir. 75 anos de Editorial Galaxia”, en Madrid

Data e hora de comezo: 8, Outubro 2025 / 19:30
Data e hora de remate: 8, Outubro 2025 / 20:30
C.P.

O mércores 8 de outubro, celebrarase, ás 19:30 h, na Casa de Galicia, en Madrid, un relatorio que leva por título Crear porvir. 75 anos de Editorial Galaxia, impartido por Xesús Domínguez Dono, director de Produción de Editorial Galaxia.

CREAR PORVIR. 75 ANOS DE EDITORIAL GALAXIA
O 25 de xullo de 1950 celebrouse no bodegón do hotel Compostela, en Santiago, a asemblea fundacional de Editorial Galaxia. Baixo a presidencia de Ramón Otero Pedrayo, e coa presenza de personalidades senlleiras do galeguismo, como Manuel Gómez Román, secretario do Partido Galeguista, configurábase daquela o núcleo principal da resistencia cultural e política do galeguismo, obrigado á clandestinidade e ao exilio despois da Guerra Civil (1936).

Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Ramón Piñeiro foron as tres personalidades que dende o primeiro momento orientaron a editorial, comprometida coa recuperación da lingua e da cultura galegas, nos tempos difíciles da ditadura.

A conferencia tería como obxectivo principal mostrar a achega de Galaxia á cultura galega, destacando o ámbito da creación literaria, pero sen perder de vista o interese da produción intelectual, onde a revista GRIAL, tivo (e ten) especial significación na procura deste obxectivo, desde as orixes.

Como obxectivo asociado, tratarase sobre a traxectoria da propia empresa editorial, entendida como proxecto estratéxico galeguista, onde a promoción da cultura forma parte da afirmación da identidade de Galicia e da modernización da sociedade galega, do progreso do país e do benestar das súas xentes.

Comparte nas túas redes sociais ou por email