Rolda de prensa arredor de “A conxura do sete”, en Ourense

Categoría: Nova

O martes 22 de novembro, celebrarase, ás 11:30 h, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, unha rolda de prensa arredor de A conxura do sete, de Miguel Anxo Fernández.
Acompañando o autor, estará Marcos Calveiro, director de Editorial Galaxia.
Miguel Anxo Fernández publica un novo caso de Frank Soutelo, o sabuxo sen par no panorama literario galego. O autor achega en A conxura do sete unha sétima novela na que o noso protagonista regresa a Galicia.
O detective privado californiano de pais galegos, Frank Soutelo cumpriu no 2022 vinte anos dende a súa primeira aparición na novela Un nicho para Marilyn. A personaxe, creada por Miguel Anxo Fernández, tamén protagonizará Luar no inferno (2006), Tres disparos e dous friames (2008), Lume de cobiza (2011), Bícame, Frank (2013) e Un dente sen cadádez (2016). Todas as obras de Fernández están creadas con connotacións cinéfilas. Cada capítulo está pensado como unha secuencia que conforma unha película final: o libro. Como creador, foi evolucionando durante todos estes anos, traballando nun personaxe que dende a primeira novela soubo cativar a paixón nas lectoras e lectores.
Nesta nova entrega, acompañado do estricado funerario Sugar Jones, Frank Soutelo, regresa a Galicia a petición da investigadora Dalia Maxino, que recibe o insólito encargo de atopar a mítica espada de Santiago, agachada durante séculos, e seica torada en sete anacos a comezos do século XIX, para impedir que a roubasen os napoleónicos. Seica a queren para os fastos do próximo Xacobeo. Aos poucos, o profesor da manda desaparece misteriosamente, e resultará que a valiosa espada interesa tamén a xentes sen escrúpulos e fins sinistros, mentres asoman os cadáveres. O sarxento da municipal, Franeiras, e o antigo garda civil Poncio, sumaranse ao desafío coa eficacia acostumada. Ao tempo que Frank pecha un segredo familiar oculto durante anos, enrédase nunha conxura argallada desde o poder das elites na sombra, mentres a Policía non semella moi conforme coas súas pescudas.

Miguel Anxo Fernández. O Carballiño, 1955. Doutor en Comunicación audiovisual, investigador e teórico cinematográfico, está vencellado desde finais dos anos setenta ao desenvolvemento do audiovisual galego, labor polo que se lle concedeu o Premio de Honra Fernando Rey no 2001. En 2012 recibiu o Premio da Cultura Galega polo seu labor a prol da creación audiovisual. Profesor de Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo, exerce a crítica diaria de cinema e televisión en La Voz de Galicia, ademais de colaborar no Diario Cultural (Radio Galega) e en Planeta Cine (TVG). Entre a súa obra especializada destacan Carlos Velo. Cine e exilio (1996), As imaxes de Carlos Velo (2001, Premio Sempre en Galiza), Las imágenes de Carlos Velo (UNAM, México, 2007), A Bela Otero, pioneira do cine (2002, Premio Chano Piñeiro), Rodado en Galicia (2005) e Os amigos de Chano Piñeiro (2007, ed.). No eido da ficción publicou en Galaxia O sabre do francés (2002) e Capitol, última sesión (2004), ademáis da triloxía sobre o detective Frank Soutelo, formada por Un nicho para Marilyn (2002, Premio García Barros), Luar no inferno (2006); Tres disparos e dous friames(2008), Lume de cobiza (2011), Bícame Frank (2013), O espido de Gina (2014), Un dente sen cadáver(2016) e Blues para Moraima, Premio Blanco Amor 2016.

Comparte nas túas redes sociais ou por email