Presentación de “A colección fraseolóxica de Vicente Risco”, en Santiago

Categoría: Nova

O martes 27 de abril, ás 17:30 h, celebrarase, no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela, a presentación do libro A colección fraseolóxica de Vicente Risco, en edición de Xosé María Gómez Clemente.
Acompañando o editor, participarán Luís Martínez-Risco (Fundación Vicente Risco), a profesora e escritora Camiño Noia, Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Neste libro preséntanse un conxunto de refráns, locucións e fórmulas que forman parte da documentación inédita de Vicente Risco, unha das personalidades intelectuais máis complexas e relevantes da Xeración Nós, que garda a sú afundación. Fíxose unha clasificación tipolóxica e temática destas unidades e tentouse delimitar e relevancia das achegas do escritor ourensán que sempre mostrou un interese especial polo traballo etnográfico.
En abril de 1930, marcha á capital de Alemania para seguir un curso de etnografía na Universidade de Berlín. Os catro meses que reside no corazón europeo, marcaron o seu pensamento de maneira ideolóxica. Risco recolleu a súa experiencia en crónicas que posteriormente foron publicadas no libro de viaxes Mittleuropa.
A súa persoa constitúe unha das figuras máis importantes da literatura galega. A través do seu pensamento e compromiso cultural, contribuíu no mundo literario asentando as bases do nacionalismo galego e renovando a narrativa galega do primeiro terzo do século XX.
Autor dunha extraordinaria obra literaria, ensaística e investigadora, destacan nela títulos coma Teoría do nacionalismo galego, e Leria, rescatados recentemente na Colección Biblioteca Nós de Editorial Galaxia, os relatos baseados en lendas populares O lobo da xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán (1925), a novela O porco de pé (1928), a peza de teatro O bufón de El Rei (1928) e a súa novela en castelán La puerta de paja (1952).

Comparte nas túas redes sociais ou por email