Presentación en Ames de A NARRATIVA GALEGA NA FIN DE SÉCULO

Categoría: Nova

O acto terá lugar este sábado 30 de abril, ás 17:00 horas, na Praza do Concello de Bertamiráns. Dolores Vilavedra estará acompañada por Francisco Villaverde, concelleiro de cultura de Ames, Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, e a escritora Inma López Silva.

A partir do ano 2000, mesmo xa a fins da década de 1990, a narrativa galega presenta fenómenos que apuntan a súa entrada nunha nova fase, moito máis en sintonía co seu tempo. Segundo a análise que Dolores Vilavedra desenvolve no seu libro, as consecuencias das radicais mudanzas sociopolíticas experimentadas pola sociedade galega logo do remate da ditadura franquista non se apreciarían no seu sistema literario ata ben entrada a década de 1980. Os efectos do cambio de ciclo político tardaron en ter consecuencia visibles no campo literario. Esas consecuencias, máis profundas do que a simple vista poida parecer, son as que permitirán, nos anos 1990, consolidar unha serie de transformacións que fixeron posible a definitiva madurez da narrativa galega, convertida por fin nun discurso en plena sintonía co noso tempo.

Os cambios no oficio de narrador e no paradigma xenérico, a ampliación do repertorio temático e discursivo, as mudanzas na recepción e nos mecanismos de canonización son algúns dos aspectos salientados en A narrativa galega na fin de século. Dolores Vilavedra estuda ese proceso de busca de novas fórmulas temáticas e discursivas, o afán de experimentación e de superación dos modelos periclitados que xorde entre escritores e escritoras galegos na fin de século.

Comparte nas túas redes sociais ou por email