Presentación de “A vida secreta de Úrsula Bas”, en Santiago de Compostela

Categoría: Nova

O xoves 6 de maio, ás 19:30 h, celebrarase, na librería Cronopios de Santiago de Compostela, a presentación do libro A vida secreta de Úrsula Bas, de Arantza Portabales.
Acompañando a autora, asistirán o xornalista Luís Pardo, e Carlos Lema, director de edicións de Editorial Galaxia.
Mañá chegará a todas as librarías un dos libros máis agardados do ano, A vida secreta de Úrsula Bas, a nova novela de Portabales, unha das escritoras máis aclamadas da novela galega contemporánea.
Neste libro, gozaremos cun novo e apaixoante caso de Abad e Barroso. Úrsula Bas, unha escritora moi recoñecida no mundo das letras, é unha muller que sae un día da casa e xa non volve. A parella de policías, que xa coñecimos na celebrada Beleza vermella, volverán a percorrer as rúas de Santiago de Compostela para resolver este caso.
Este é un libro de buscas. Por un lado está a procura que fan Abad e Barroso de Úrsula, e polo outro, a busca que fai Úrsula de si mesma.
Quen é realmente Úrsula? Que hai detrás da súa imaxe de escritora?
Unha novela apaixoante que fará que non a deixes ata chegar ao fin desta historia. Imprescindible.
Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e funcionaria da Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia. Na Editorial Galaxia, publicou títulos moi aclamados coma Sobrevivindo (Galaxia 2015), obra que resultou vencedora do XV Premio de Novela por Entregas da Voz de Galicia, Deixe a súa mensaxe despois da sinal, (Galaxia, 2017), que foi traducida ao castelán, ao italiano, ao hebreo e ao alemán, e, tamén, levada ao teatro pola Compañía Tanttaka. A arrasadora Beleza vermella, (Galaxia, 2019) publicouse conxuntamente coa tradución da mesma ao castelán, sendo publicada tamén en Italia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email