Presentación de “Que demo de monicreque!”, en Vigo

Categoría: Nova

O luns 2 de maio, ás 20 h, celebrarase, na libraría Librouro de Vigo, a presentación de Que demo de monicreque!, de Antonio García Teijeiro, ilustrado por Xosé Cobas.
Acompañando o autor e ilustrador, estará Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Antonio García Teijeiro e Xosé Cobas unen as súas forzas creativas nunha sorte de libro tesouro. Cada unha das páxinas desta fabulosa obra amosan o gran talento de dous grandes artistas da nosa terra.
“Pescar letras”, pensaba o Poeta, “ten que ser un traballo fascinante”
Este libro fala da maxia de crear, de viaxar a través da imaxinación e gozar da palabra. A simbiose creativa entre os versos e as cores amosa ás lectoras e lectores que, cando todo semella negro, sempre pode saír a luz.
Como reflexan no libro “malia que a meirande parte dos habitantes deste mundo non o soubesen, un mundo sen poesía sería unha desfeita de incalculables proporcións”. Adentrádevos nesta viaxe, chea de palabras, cor e luz; e gozade desta lectura imprescindible.
Antonio García Teijeiro naceu en Vigo en 1952. É profesor, escritor e crítico de literatura infantil. Galardoado co Premio Merlín por Na fogueira dos versos, entrou na Lista de Honra do IBBY e concedéuselle o Premio Pier Paolo Vergerio da Universidade de Padua (Italia), un dos máis prestixiosos de Europa. Co poemario Arredor do teu corpo gañou o Premio Illas Sisargas. Pero estes son só algúns dos moitos recoñecementos que atesoura. Algúns dos seus poemas foron musicados por grupos de Galicia e por músicos como Antón Seoane e Paco Ibáñez. Mantén unha intensa actividade na rede dende o blog Versos e aloumiños. Foi premio nacional de literatura infantil e xuvenil en 2017.
Xosé Cobas, nado en 1977 é un ilustrador galego. Procede do mundo da pintura.
Expón por vez primeira en 1977, na cidade da Coruña. A partir de 1980 compaxina a pintura co deseño gráfico e a ilustración, e dende 1988 centra a súa actividade de ilustrador na literatura infantil e xuvenil. Traballou con autoras e autores como os galegos Juan Farias, Xabier P. DoCampo ou Fina Casalderrey. Así mesmo, os seus traballos están espallados por diversas editoriais: Grupo Anaya, Galaxia, Edicións Xerais de Galicia, Edelvives etc.
Foi un dos impulsores da revista de banda deseñada Golfiño, canda o chairego Xabier P. DoCampo, e é un claro defensor e promotor da lingua galega, do cal da boa proba a súa pertenza á plataforma cívica ProLingua. Ilustra periodicamente dende 1981 para o xornal La Voz de Galicia.
Dende 1991 traballa como deseñador gráfico para a Deputación da Coruña.

Comparte nas túas redes sociais ou por email