Presentación de “O latexo dunha aula infantil” en Bertamiráns

Categoría: Evento

O día 12 de decembro, ás 18:00 h, celebrarase, na Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames), a presentación de O latexo dunha aula infantil de Ángeles e Isabel Abelleira Bardanca. Acompañando ás autoras, asistirán representantes do Concello de Ames, Consellería de Educación, Universidade e Formación profesional.
Se en Os fíos de infantil as súas autoras apuntaban os vinte fíos ou constantes que deben estar presentes na praxe educativa, en O latexo dunha aula infantil fixan os dez eixos temáticos a abordar nesta etapa educativa, vinculando sempre a súa cotiandade coa escola.

Que os pequenos descubran quen son e como son, que fan, que coidan, que pasa ao seu redor, que comen, que os (con)move, que poden achegar á comunidade e cara a onde van. Preguntas básicas, elementais pero non simples, pois son as que se fai calquera persoa adulta cando quere explicarse ante si mesma ou ante os outros. O sorprendente é que estean borradas da face dos desenvolvementos curriculares. Así, nesta publicación recóllense máis dun cento de latexos (experiencias de vida) organizados baixo epígrafes que fan referencia ao coñecemento dun mesmo desde distintas facetas: como individuos, como persoas, como familiares, como cidadáns, como consumidores ou como activistas culturais, ambientais e sociais.
Ángeles e Isabel Abelleira Bardanca son dúas irmás mestras de infantil que desde 2010 amosan o seu traballo na escola pública galega no blog InnovArte Educación Infantil, co ánimo de que se coñeza parte do que nela se fai e que, malia o seu valor, sempre queda oculto entre os muros dos centros. As experiencias de aula, reflexións educativas, recomendacións de lectura e outras moitas informacións deron lugar a que, a día de hoxe, se atopen máis de 1.200 post, lidos por milleiros de seguidores de toda Iberoamérica. Recibiron o premio Mestre Mateo (2011) polas súas colaboracións educativas no ámbito audiovisual; o Francisco Giner de los Ríos á mellora da calidade educativa (2012), e varios a nivel autonómico (2001-2003). Representaron a España na I Rede Iberoamericana de Innovación Educativa en Educación Infantil polo ciclo 3-6 (2014). En 2016 foron galardoadas co Marta Mata de Pedagoxía polo libro Os fíos de infantil, publicado en catalán, castelán, galego e portugués brasileiro.

 

Comparte nas túas redes sociais ou por email