Presentación de “Non te amola!”, en Moaña

Categoría: Nova
O xoves 13 de maio, ás 19:30 h, celebrarase, no salón de plenos do Concello de Moaña, a presentación do libro inédito de Xela Arias , Non te amola!, ilustrado por Luz Beloso.
No acto, participarán a ilustradora do libro, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos Paz, Aldán Santamarina, concelleiro de normalización lingüística, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.

Velaquí o acontecemento literario do ano, o libro inédito de Xela Arias. Non te amola! amósanos a primeira achega á narrativa da escritora, unha muller multidisciplinar, moderna absoluta que se caracterizaba polo seu carácter rompedor. Unha persoa cunha forza intempestiva. Así é como a retrata a súa biógrafa Montse Pena Presas, en Intempestiva. Unha biografía de Xela Arias.
Agora na primavera fixen nove anos. Son moitos para non procurar nada de proveito na vida, así que vou escribir un libro. Este é o comezo desta fantástica biografía emocional na que Xela amosa unha sensibilidade asombrosa. A autora deixa ver nestas páxinas moitos rasgos da súa propia personalidade, revelando neste libro un prototipo de muller moi vangardista e actual.
A narración está acompañada polo fermoso traballo de ilustración de Luz Beloso, o que fai desta publicación unha alfaia da literatura. Unha lectura imprescindible.

Xela Arias (Sarria, 1962 – Vigo, 2003) foi unha poeta que publicou libros esenciais como Denuncia do equilibrio, Tigres coma cabalos ou Darío a diario, dedicado ao seu fillo, en que aborda a maternidade cunha mirada afastada do tratamento tradicional. A súa derradeira obra, publicada en 2003, Intempériome, converte a desobediencia e a transgresión en palabra poética. Autora sempre comprometida, puxo a súa voz en mobilizacións cívicas como a da marea negra do Prestige e en favor da lingua galega. Traballou como editora e como docente de secundaria. Traduciu para o galego desde o inglés, italiano, portugués e castelán autores como Bram Stoker (Drácula), Roald Dahl (As bruxas), Angela Carter (Venus negra), Gianni Rodari (Contos ao teléfono), Carlos Oroza (Caballum) e Jorge Amado (O gato Gaiado e a andoriña Señá: unha historia de amor), entre outros. En 2021, a Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email