Presentación de “A Galiza feminista”, na Coruña

Categoría: Nova

O mércores 14 de xullo, celebrarase, ás 17:30 h, a presentación do libro A Galiza feminista, de Miriam Couceiro Castro, na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña.

Acompañando a autora, estarán Pilar López-Rioboo Ansorena, ex-subdelegada do goberno na Coruña, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.

A autora achégase, neste libro, a un posible relato arredor do movemento feminista en Galicia, unha corrente de pensamento, e sobre todo de acción, sen o cal non sería posible entender a nosa terra nos nosos días. Publicado na colección Feminismos, de Editorial Galaxia, trátase dunha aposta que axuda a visibilizar a causa das mulleres en Galicia, unha loita imprescindible. 

O feminismo alterou, gradualmente, as perspectivas predominantes en diversas áreas da sociedade, tratando de liberar á poboación das imposicións patriarcais. Un camiño longo, no que aínda queda moito por facer.

Unindo forzas nesta contenda, Miriam Couceiro Castro achéganos en A Galiza feminista, un minucioso relato arredor do movemento feminista na Galiza. Un feminismo que, en palabras da autora, “non pode ser abstracto nin de elites, ten que ser un feminismo de clase social, que non quede na fachada e que reflicta a maioría social feminina”. Este libro amosa a evolución do pensamento, dende os inicios ata a actualidade. Unha obra imprescindible para entender o camiño da igualdade, hoxe en día.

Comparte nas túas redes sociais ou por email