Presentación de “Diario dun mestre na pandemia”, no Club Faro de Vigo

Categoría: Evento

O día 12 de abril, ás 20 h, celebrarase, no Salón de Actos do MARCO de Vigo, unha charla-coloquio arredor do libro Diario dun mestre na pandemia, de Santi Domínguez, organizada polo Club Faro de Vigo.
Presentarase o libro nunha conversa entre o autor e o escritor Antonio García Teijeiro, moderada por Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
A pandemia causada pola covid-19 afectounos de forma profunda.

Nada é o mesmo dende marzo de 2020, e, un dos sectores que máis padeceu o tsunami das transformacións foi o mundo do ensino. Santi Domínguez leva moitos anos exercendo a docencia, e, coa pandemia, tivo, coma tantos e tantas, que parar. Aí nacéronlle na cabeza, e do corazón, un cento de preguntas sobre o sentido do seu oficio. Realmente estamos educando como debemos? Son tan importantes os contidos? Non será que esquecemos moitas veces que detrás dun nome nunha lista dunha aula hai un ser humano, ás veces con problemas que non somos quen de imaxinar? A realidade da epidemia sérvelle ao autor para se mergullar dentro de si, e dende aí, tirar a máscara da comodidade e formularse preguntas comprometidas que tanto nos afectan.
Santi Domínguez, naceu o 25 de xullo de 1964 en Vigo. Empezou a exercer como mestre en 1985 no colexio San José de Lugo, para volver á súa cidade no ano 1989 para impartir clases no seu centro actual, o colexio San José de la Guía, en Teis, onde dá clases de Educación Física en primaria e Galego e Castelán en Secundaria, ademais de ser titor en primeiro da ESO. Entre 1995–2015 dedicouse á política activa, chegando a ser concelleiro, tenente de alcalde da cidade de Vigo e director xeral de deportes da Xunta de Galicia. Desde sempre foi un apaixonado da innovación en temas de educación e, sobre todo, un loitador constante por mellorar o medio educativo do seu alumnado.

Comparte nas túas redes sociais ou por email